viernes. 29.03.2024

A Deputación de Pontevedra convocará as novas bolsas de práctica laboral en empresas nos primeiros días de xullo. Así o anunciou esta mañá o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, que subliñou que na semana próxima se procederá á selección definitiva das empresas e, unha vez pechada esta selección e coñecido o perfil dos bolseiros que demandan, se sacará a convocatoria para mozos e mozas titulados que desexen acollerse a esta iniciativa.

 

Os titulados universitarios e de formación profesional que desexen acollerse a esta convocatoria disporán de todo o mes de xullo para presentar as súas solicitudes. Deberán ter rematado os seus estudos despois do 1 de xaneiro de 2005, carecer de experiencia laboral previa na titulación na que van realizar as prácticas e non poderán ser beneficiarios na actualidade de ningún dos plans de práctica laboral postos en marcha pola Deputación.

 

Lista de empresas admitidas

Na vindeira semana farase pública a lista de empresas admitidas e excluídas deste plan, así como o número de bolsas que se lle concederá a cada unha. Con estes datos, elaborarase a convocatoria para mozos e mozas titulados, tendo en conta as titulacións e perfís que demandan ás empresas. O obxectivo é, segundo indicou o presidente da Deputación na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, que os aspirantes a estas bolsas dispoñan de practicamente un mes para a presentación de solicitudes, para realizar a posterior selección nos meses de xullo e principios de setembro e que "en setembro-outubro poidan estar traballando".

 

Prórroga das 500 xa en marcha

Estas bolsas sumaranse ás 500 xa concedidas no primeiro plan de práctica en empresas e que permitiu que outros tantos mozos e mozas comezasen a traballar o primeiro día hábil de xaneiro en diferentes empresas e entidades da provincia. Esas bolsas, que remataban este 30 de xuño, foron prorrogadas pola Xunta de Goberno por outros seis meses, de forma que "eses 500 mozos e mozas van traballar ata final de ano e agardamos que de aí saia a súa continuidade no mercado laboral, ben na mesma empresa ben noutra na que poidan estar traballando". "Cumprimos cos que están –asegurou Rafael Louzán– e dámoslle unha nova oportunidade aos que poidan vir" coa nova convocatoria de prazas que se abrirá agora. O titular da deputación cualificou estes plans como "moi necesarios, porque son moitas as persoas con formación que non teñen esa primeira oportunidade laboral".

 

A Deputación de Pontevedra convocará as novas bolsas de Práctica laboral na primeira...