sábado. 23.09.2023

A gaiteira Cristina Pato impartirá clase durante este semestre, a partir do 25 de xaneiro, no Departamento de Música da Universidade de Harvard, probablemente a mellor institución académica do planeta, como “artista distinguida” nun curso sobre etnomusicoloxía. Cristina Pato, xunto co seu compañeiro de The Silk Road Ensemble Shane Shanahan, impartirá maxisterio dentro do programa ‘The Blodgett Distinguished Artist in Residence’ que mantén Harvard desde hai 26 anos, e que convida a artistas e grupos distinguidos dar clases e realizar actuacións de distinto tipo no seu Departamento de Música. Outros artistas e conxuntos destacados que participaron son o Mendelssohn String Quartet, o Ying Quartet, Neba Solo, Greg Osby, Jean Claude Risset e Sir Harrison Birtwistle.

 

A artista ourensá estará ensinando no Departamento de Etnomusicoloxía nun novo curso chamado “Performing Musical Difference: Case Studies from the Silk Road Project,” que dirixe Kay Kaufman Shelemay, en cooperación con músicos de Silk Road Ensemble. Nel exploraranse os procesos sociais e os retos éticos do intercambio musical. co obxectivo de crear “conexións inesperadas, colaoracións e comunidades na procura dun cambio significativo”.

 

Este é un paso máis na súa relación coa Universidade de Harvard, xa que Cristina Pato leva seis anos impartindo aulas nos veráns e en diferentes cursiños ao longo do curso académico co Departamento de Educación (Harvard Graduate School of Education) sobre o poder das artes na educación en na sociedade (‘Arts and Passion Driven Summer Institute’ ou o último sobre ‘Arts and Healing’), en colaboración con Silk Road Project, que reside na universidade e do que a artista ourensá é conselleira de educación.

 

Aquí podedes atopar máis información sobre o curso e ver un vídeo explicativo no que participa a propia Cristina Pato. Cristina é membro do Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma e un membro fundador do seu Leadership Council, colaborando estreitamente nas xiras e na planificación de residencias, entre elas a asociación multianual entre o Silk Road Project e a Universidade de Harvard.

 

Opta a dous Grammy

A gaiteira aspira nos Premios Grammy, que terán lugar a comezos de febreiro, a dous galardóns en dous dos dos proxectos nos que está implicada: a súa formación Silk Road Ensemble, que opta ao mellor álbum de ‘world music’ por ‘Sing me home’, e o filme documental The Music of Strangers, dirixido por Morgan Neville, candidato ao Grammy ao mellor filme musical. Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble, a banda á que pertence Cristina Pato, estreou o pasado abril o disco ‘Sing Me Home’, que inclúe unha nova versión de ‘Cabaliño’, esta fermosa canción tradicional galega que foi gravada xunto cos músicos galegos e membros do ‘Rústica’ (proxecto no que tamén participou Cristina Pato) Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña.

 

O novo arranxo de ‘Cabaliño’ foi realizado por Anxo Pintos e ten como solistas a Yo-Yo Ma, o iraní Kayhan Kalhor e Davide Salvado. O album foi desenvolvido e gravado en paralelo a The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble, o documental do director gañador dun Oscar e un Emmy Morgan Neville que narra a historia do Silkroad, que se estreou en xuño nos cinemas de todo o mundo. O filme conta a historia deste colectivo musical creado polo lexendario cellista Yo-Yo Ma do que forma parte Pato. A través da fita podemos seguir as vidas deste grupo de instrumentistas, e como exploran o poder da música para preservar a tradición, dar forma á evolución cultural e inspirar a esperanza. A parte dedicada á gaiteira ourensá explora os valores fundamentais da cultura e da identidade galega e lévanos a coñecer a súa vida familiar, social e cultural en Galicia.

 

Cristina Pato

Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo New York Times, e como “un dos mestres vivos da gaita” polo Wall Street Journal, a súa vida profesional está dedicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a gaita galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada. A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina.

 

Actúa como asesora de Educación do Silkroad, ten sido artista residente en varias universidades, incluindo Harvard, a Universidade de California, Santa Barbara, e o College of the Holy Cross, e é a fundadora do festival multidisciplinar Galician Connection. Cristina posúe un Doutoramento en Musical Arts in Collaborative Piano pola Rutgers University (EE.UU.), títulos de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e o Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.

Cristina Pato impartirá clases este curso na Universidade de Harvard