jueves. 28.03.2024

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá o anteproxecto do novo centro residencial municipal de 59 prazas e usos complementarios no Boial deseñado polo Concello, un plan “innovador”, “a modo de fogar”, dixo, que complementarán outros usos asistenciais, como o de ludoteca infantil, un centro cívico e un centro de actividades biosaudables. Dita intervención someterase á votación do resto de grupos municipais no pleno deste mes, que terá lugar o próximo xoves, 27 de maio. 


O rexedor, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, explicou que o novo centro residencial levantarase nunha parcela de máis de 5.600 metros cadrados, con aparcamento en superficie incluído, para o que se buscou unha tipoloxía edificatoria nova, “con poucos precedentes en España”. 

Nas plantas superiores contarán inicialmente con 19 apartamentos de 50 metros cadrados cada un e dotados de salón-cociña, dormitorio e baño adaptado, e outros 10 dormitorios dobres, de 29 metros cadrados, tamén con baño adaptado. Esta combinación de apartamentos e dormitorios, todos eles con terraza, explicou o alcalde, responde ao obxectivo de “fomentar a vida autónoma dos residentes tendo en conta o seu grao de dependencia e fomentando así o seu envellecemento activo a través de actividades físicas e intelectuais”. 

Os espazos comúns dividiríanse para prestación de servizos específicos e reservados para os residentes e, por outra banda, outros de carácter máis aberto, destinados a compartir usos con outros usuarios e fomentando a relación do centro coa veciñanza da contorna, explicou o alcalde. “Trátase de acadar un equilibrio entre a intimidade propia dun fogar e a apertura que se traduza na creación dun lugar activo e de convivencia”.

Áreas deportivas e actividades biosaudables no centro cívico 
O centro cívico incluído no anteproxecto presentado esta mañá polo alcalde englobaría aulas de formación, salas de usos múltiples, áreas deportivas e zonas para talleres e de actividades biosaudables. Serían, revelou o alcalde, de uso compartido “tanto dos espazos como das actividades” co fin de dispor dun centro “aberto que facilite a relación dos residentes coa contorna”. 

A pleno tamén a residencia de maiores no Bertón 
O estudio técnico para este novo centro residencial someterase á votación do resto de grupos no pleno ordinario do mes de maio que terá lugar este xoves xunto co convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Ferrol para a cesión a título gratuíto dunha parcela no Bertón e a construción nela dun centro de residencia de persoas maiores, así como a aprobación do cambio de uso dotacional público e orde de mutación demanial a favor da Consellería de Política Social. 

Neste punto o alcalde lembrou que “resulta obvio” que nunha cidade cunha poboación maior extensa “temos que buscar unha solución para atender as necesidades das persoas que presentan un elevado nivel de dependencia e tamén das que non”, polo que o que se expón é a construción de dous centros, o autonómico no Bertón e o centro residencial municipal para persoas con maior autonomía no Boial. 

Mato explicou que xa en outubro de 2019 expuxo á Xunta a necesidade de levantar o centro autonómico para maiores no Bertón “precisamente pola súa localización preto do casco urbano, a apenas 150 metros da estrada de Castela”, o que facilitará “o acceso aos familiares e a súa cohesión cos barrios da cidade”. 

O alcalde presenta o anteproxecto do centro residencial do Boial, que inclúe 19...