martes. 23.04.2024

O Concello de Ferrol vén de ampliar o dispositivo especial de seguridade activado en FIMO con motivo do proceso de vacinación masiva que se está a desenvolver nas instalacións municipais. O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, indicou esta mañá que ás carpas xa instaladas a semana pasada sumáronse ote outras dúas hinchables e de maiores dimensións: o hospital de campaña e o posto de mando avanzado que o Concello adquiriu o pasado mes de novembro para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). O obxectivo é “mellorar con todos os medios posibles a atención aos nosos veciños nun proceso tan vital como o de vacinación”. Trátase do primeiro posto de mando avanzado e do primeiro hospital de campaña dos que dispón Ferrol, ambas carpas multiusos. 


Un total de 90 metros cadrados de carpa e 250 prazas de estacionamento 
O Concello adquiriunas para atender “calquera emerxencia ou situación que o requira”, explicou Costoya. A carpa hospital de campaña ten unha superficie de 60 metros cadrados e o posto de mando avanzado, 30, e agora en FIMO acolle varias cadeiras de rodas para as persoas que as necesiten. 

Con motivo do proceso de vacinación destes días, o Concello tamén habilitou un total de 250 prazas de estacionamento na explanada interior das dependencias municipais de FIMO, de libre uso para as persoas que asisten a poñer a vacina.

Servizo de acompañamento 
O Concello tamén activou un dispositivo especial para acompañar ás persoas que o necesiten ata o centro sanitario correspondente. A través da colaboración entre a AVPC e a Oficina municipal de Voluntariado púxose en marcha un plan de actuación co fin de facilitar en todo o posible o subministro de vacinas as persoas do municipio que presenten algunha dificultade para acudir á cita, como poden ser maiores, persoas con mobilidade reducida ou algunha discapacidade física ou cognitiva. Para solicitar esta asistencia pódese chamar ao número de teléfono de Protección Civil 981 320 000. 

O Concello amplía o dispositivo de seguridade do proceso de vacinación de FIMO