viernes 30/7/21

O Concello remata as tres obras de rehabilitación no Castelo de San Felipe

O Concello de Ferrol vén de rematar os tres proxectos de rehabilitación que nas últimas semanas levou a cabo no Castelo de San Felipe e que motivaron o seu peche no último mes: a rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa, a eliminación de elementos descontextualizados e non orixinais e o acondicionamento dunha recepción no acceso á fortaleza. 
obras-castelo-san-felipe-ferrol

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, acudiu o pasado venres ao castelo para comprobar o resultado das intervencións que se desenvolveron en distintos puntos do fortaleza e lembrou que o Concello ten previstas máis inversións, como é o caso do proxecto presentado e preaprobado no marco do 1,5% Cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana centrado na eliminación das humidades do castelo, o seu principal problema estrutural, cun importe que supera o medio millón de euros. 

A edil explicou que nos últimos dous anos o goberno local investiu no castelo arredor de 150.000 euros a través do proxecto MMIAH, un plan europeo liderado pola cidade de Ferrol e integrado por outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)— que busca poñer en valor o litoral urbano do espacio atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural.

Sen elementos descontextualizados, nova sinalización e dúas novas exposicións 

No marco do proxecto MMIAH, o Concello vén de rematar as obras de rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa (Ben de Interese Cultural, máxima categoría de protección del patrimonio cultural), que incluíu a súa adaptación e acondicionamento para un novo uso expositivo así como o deseño do contido das dúas exposicións que abrirán ao público ao longo desta semana. A planta alta da torre acollerá a mostra ‘A evolución das defensas da ría’ no período comprendido entre os séculos XVIII e XX e a baixa a exposición ‘Evolución do Castelo de San Felipe’, ambas permanentes. Tamén colocouse unha gran cristaleira que proporciona “unhas vistas inmellorables”, apuntou. 

O segundo proxecto desenvolvido estes días atrás é o de eliminación de elementos descontextualizados e non orixinais que se foron engadindo co paso dos anos debido ao seu uso militar e que xeraban unha afección negativa sobre o monumento, como ladrillo á vista, alicatados de terrazo ou de baldosa cerámica. Os traballos incluíron tamén unha intervención sobre os aseos públicos da fortaleza, que melloraron o seu aspecto e funcionalidade e convertéronllos en accesibles. Este proxecto contemplou tamén unha obra de conservación e mantemento da cuberta da sala de Cureñas e dos corpos de garda situados no acceso principal. O Concello tamén mellorou a sinalización interior. 

Un novo espazo no que recibir ao visitante 
A estes dous proxectos súmase un terceiro que o Concello rematou hai uns días, o acondicionamento dunha recepción ao público no acceso ao castelo. Instalouse un mostrador de recepción rotulado e fabricado en madeira hidrófuga e metacrilato adaptado ás persoas con mobilidade reducida, unha unidade de electricidade con focos led de estilo retro para controlar a iluminación da área de recepción e crear unha atmosfera cálida, estantes para gardar material turístico, como folletos e publicacións, e medios audiovisuais para proxectar de forma continua contidos e imaxes sobre o castelo. 

Unha posta a punto de cara ao aumento das visitas durante a tempada de verán 

A vontade do goberno local “co impulso que estamos a dar a unha das nosas mellores xoias do noso patrimonio”, explicou Martínez Montero, “é poñer a punto a fortaleza para que estea nas mellores condicións de cara ao aumento das visitas que vaimos a rexistrar na cidade nos próximos meses”.

Comentarios