sábado. 20.04.2024

O concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe, presentou esta mañá no pazo municipal a XXXI Feira do Libro de Ferrol, a primeira que se celebrará este ano en Galicia. Terá lugar entre os días 23 e 25 de abril na Praza da Constitución e contará coa participación de cinco establecementos: Libraría Pedreira, Day Libraría Papelería, Libraría Cortizas, Libraría Galiano e Metrópolis Comics Ferrol. O edil estivo acompañado por Antonio Martínez, presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra; Severino Álvarez, xefe de servizo de coordinación cultural da Xunta; e María Muíño, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña. 


Ao longo de tres días acudirán a firmar as súas obras un total de 34 escritores, entre eles Antón Cortízas, Alberto Cacharrón, Emilio Tresgallo, Teresa Cameselle ou José Antonio Ponte Far. O acto de inauguración terá lugar o venres, ás 12.30 horas, coa asistencia do alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; Xurxo Couto, deputado de Cultura; e o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra. O pregón correrá a cargo do escritor Henrique Dacosta. 

O concelleiro lembrou esta mañá que o horario da feira será para o venres de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas; o sábado de 11 a 14.30 e de 17 a 21 horas; e o domingo de 11 a 14.30 e de 17 a 20 horas. O programa completo pode consultarse na web http://www.librarias.org/. Golpe destacou o “importante esforzo” que fai o Concello por manter activa a actividade cultural na cidade “con todas as medidas de protección” e insistiu en que a “cultura é segura” sempre que se cumpran todas as medidas oportunas. O concelleiro agradeceu ao conxunto do sector libreiro a súa “aposta e implicación” neste evento, que nesta ocasión será un acontecemento “sinxelo” pero “moi esperado polos nosos veciños”. 

Será a primeira Feira do Libro que se celebre este ano en Galicia das 12 que están previstas. O seu lema, ‘Libros no Camiño’, é ”un recoñecemento do ano santo”, explicou o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, quen apuntou que se aplicará un protocolo de actuación co fin de “transmitir seguridade” tanto a visitantes como a participantes “sen perder o máis valioso” dun evento destas características: a “interacción entre os profesionais do mundo do libro”. Ademais da desinfección diaria e do uso da máscara protectora, os visitantes deberán respectar a distancia de seguridade e hixienizar as mans antes de acceder á cada caseta, explicou. Tamén estará sinalizada a entrada e saída a cada unha delas e o pago preferente será o electrónico. 

Pola súa banda, o xefe de servizo de coordinación cultural da Xunta agradeceu “o esforzo e o tesón dos libreiros” de Galicia e a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña destacou o traballo que hai detrás dun libro e apuntou que a celebración da feira é un “motivo de ledicia para todos os amantes da lectura”.

Ferrol acollerá esta fin de semana a primeira Feira do Libro de Galicia de 2021