jueves. 18.04.2024

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, remitiulles hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, unha carta na que lles demanda que na súa vindeira reunión, programada para despois da Semana Santa, inclúan como tema prioritario a modernización da liña ferroviaria entre a cidade e A Coruña. O rexedor considera que é o momento axeitado para avanzar nun proxecto estratéxico para toda a comarca, que posibilite unha conexión “adaptada ao século XXI”. Tamén porque precisamente agora se está a falar “de resiliencia, de loita contra o despoboamento, de transporte sostible e de reducir as emisións de CO2”. Para Mato, a construción dun novo trazado que posibilite a redución do tempo de viaxe e faga o tren competitivo e rendible é “un piar esencial” para o desenvolvemento dos municipios da zona e para a vertebración das cidades e as comarcas polas que pasa o ferrocarril. 

 

Conxuntamente coas misivas, o alcalde remitiulles a ambos exemplares do Informe sobre a liña ferroviaria A Coruña-Ferrol, un estudo realizado polo catedrático de Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes Miguel Rodríguez Bugarín. Nel cífrase en 730 millóns de euros o investimento necesario para reducir á metade o tempo de viaxe entre Ferrol e A Coruña, actualmente dunha hora e quince minutos. Para o profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños da UDC, o único xeito de abordar o problema que presenta a liña na actualidade “é modernizar o trazado”, xa que o actual non permite que os convois acaden as súas capacidades no que se refire á velocidade. 

 

“É un asunto que ten que estar na axenda política do Goberno galego e nas conversas co ministerio”, apuntou xa Mato o día da presentación do documento, a semana pasada, nunha comparecencia na que estivo acompañado da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, entidade que promoveu o estudo a petición do Concello de Ferrol, e o propio Rodríguez Bugarín, que participou de xeito telemático.  

 

“O eixo atlántico ferroviario vai de Ferrol á fronteira lusa” 

O rexedor ferrolán insistiu en que, se “verdadeiramente se quere facer unha aposta pola recuperación e a competitividade, é o momento de apostar por esta conexión ferroviaria”, e lembrou que só hai unha opción para este trazado, a de “recuperar a idea de que o eixo atlántico ferroviario vai de Ferrol á fronteira lusa”. 

 

Ademais do informe sobre o ferrocarril, a carta acompáñase do estudo Estratexias de competitividade de Ferrol e comarca, do que é autor o catedrático de Economía aplicada da UDC e expresidente da Xunta Fernando González Laxe, e que se presentou esta mesma semana no pazo municipal ferrolán. As súas conclusións inclúen medidas específicas para o sector naval, a industria, a transición enerxética, o porto exterior, as infraestruturas e a Universidade. Trátase, polo tanto, do que González Laxe denomina “un plan de relanzamento” que responde “aos desafíos que ten a cidade”. 

Ferrol demanda a modernización da liña ferroviaria