jueves. 28.03.2024

As Olimpíadas do Recreo, un programa da Concellería de Educación para que os rapaces aprendan divertíndose, bota a andar en sete centros pontevedreses. Un recurso para aprender, a partir do traballo en grupo, conceptos relacionados coa ciencia, o deporte, a saúde e a comunicación.


O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, acompañou hoxe aos rapaces do Manuel Vidal Portela na estrea dunha actividade marcada polo éxito dos dous últimos anos. O responsable municipal aconsellou aos rapaces que aproveiten este tempo para pasalo ben e esforzarse en chegar á fase final do próximo mes de maio.


As Olimpíadas están destinada ao alumnado de Quinto e Sexto de Primaria e ten como obxectivo promover o pensamento crítico e reflexivo cunha dinámica activa e participativa. Téntase desenvolver a capacidade dos alumnos para aprender por si mesmos. Desta volta participan os colexios da Carballeira, A Xunqueira I, Álvarez Limeses, Manuel Vidal Portela, Marcón, San Bieito de Lérez e Santo André de Xeve.


A “competición” conclúe cunha fase final na que os tres colexios gañadores obterán premios de cheques-regalo para material escolar valorados en 400 euros, 200 euros e 100 euros, respectivamente.


As Olimpíadas do Recreo estrutúranse ao redor de cinco actividades nas que os rapaces van puntuando en diferentes campos do saber, sempre cun enfoque desenfadado:


Educación e Cultura: Un gran “pasapalabra” electrónico, con preguntas sobre Pontevedra e a provincia, con acento na historia e na cultura.


Científico-Experimental: Un científico tolo presenta inventos caseiros para introducir aos rapaces en conceptos básicos de física e química.


Ginkana Deportiva: Unha forma divertida de suar a través do deporte da Orientación, que axuda tamén a desenvolver habilidades memorísticas e estratexias mentais.


Saúde: Un dietista introducirá aos rapaces na necesidade dunha boa alimentación. Realizarán unha compra semanal en base aos produtos existentes na Praza de Abastos.


Comunicación Audiovisual: Un plató televisivo e unha cámara son os ingredientes básicos desta actividade. Os alumnos terán que buscar e elaborar novas e desenvolver un guión.

As Olimpíadas do Recreo botan a andar para introducir aos rapaces no pensamento crítico...