domingo. 14.08.2022

A Asociación Érguete atende ao dobre de menores que antes da pandemia para previr adiccións ás pantallas

A entidade, a través do Programa “Comunidades en liña”, compartiu con case 1.500 menores e as súas familias ferramentas para controlar o tempo que adican ás pantallas e protexerse dos seus perigos

menores-pantallas

A vida lonxe das pantallas é, cada vez máis, unha quimera. Xa sexa pola televisión, pola ordenador ou polo móbil pasamos varias horas do noso día diante das novas tecnoloxías. Tamén os nosos pequenos e pequenas. Segundo o último informe de AIMC Niñ@as, os nenos e nenas de entre seis e 13 anos pasan case cinco horas diarias fronte algunha pantalla. Todo isto fai que na Asociación Érguete leven impulsando durante os últimos anos un programa de intervención para evitar os problemas de adiccións ás novas tecnoloxías entre os nosos fillos e fillas. Un programa que xa atende ao dobre de menores que antes do inicio da pandemia (1494 nenos e nenas) e as súas familias.

A coordinadora do programa de prevención da Asociación, Laura Durán, explica que con estas intervencións queremos centrarnos “nunhas adiccións silenciosas que cada vez están máis presentes na nosa sociedade” e afirma que “o noso  programa ten por obxectivo  proporcionar a toda a comunidade educativa,  ferramentas áxiles para aprender a xestionar o tempo  adicado ás novas tecnoloxías e o tipo de contido dixital ao que se accede”.

A experta da Asociación Érguete avisa que as adiccións ás pantallas comparten síntomas con outro tipo de adiccións, xa que tamén “provocan o descoido ou abandono de intereses e relacións sociais, o descontrol progresivo da condutas, malestar, ansiedade e irritabilidade”. Problemas aos que lle temos que engadir a “perigosidade engadida” dun mal uso das pantallas entre os nosos pequenos e pequenas “xa que teñen un fácil acceso a contidos inapropiados segundo a idade (drogas, sexo, xogos de azar) e  poden tropezar con información difícil de asumir ou dixerir .

María Novelle, pedagoga do programa,  destaca que comeza a ser  habitual  que  nenos e nenas de 10 ou 11 anos describan perfectamente en que consiste o GTA5 e como xustifican a presenza de esa violencia, acoso sexual ou vulneración dos dereitos das persoas porque xogan a partida co seu nai o seu pai.

Para evitar estas situacións o equipo da Asociación Érguete comparte sesións con menores e as súas familias de distintos centros educativos da provincia de Pontevedra, tanto en Secundaria como en Primaria. “Nas aulas informamos e promovemos os aspectos positivos das tecnoloxías e as diferentes posibilidades que ofrecen todos os recursos tecnolóxicos, así como previr adiccións comportamentais e sensibilizar ás familias sobre o axeitado uso das TIC”, destaca a técnica de prevención, María Novelle.

Consellos para as familias

Laura Durán e María Novelle destacan que o primeiro aspecto que “debemos abordar nas familias é o de acompañamento, non se trata de prohibir, se non de acompañar e educar co exemplo, sen esquecer que as TIC e as pantallas teñen moitísimas vantaxes e son necesarias mais que nunca”, e lembran que tamén “é importante formarnos naqueles aspectos que descoñezamos. Ademais disto, pensamos que este coñecemento tamén conseguirá que sintamos máis seguridade e tranquilidade co seu uso e saibamos a que contido están a acceder ou que están a facer”.

Igualdade na rede

Un dos eixos do programa de prevención é tamén informar dos riscos das Redes Sociais tendo en conta a perspectiva de xénero.

Na Asociación Érguete “somos ben conscientes que , nalgún casos, as redes sociais amplifican discursos e comportamentos  moi perigosos para os nenos e nenas, moitas veces ocultos en redes sociais habituais como TIK TOK, Instagram…”, explica Durán.

Este programa está financiado pola Xunta de Galicia e desenvólvese nos concellos da área de Pontevedra tendo especial relevancia en Redondela, Moaña e Bueu.

A Asociación Érguete atende ao dobre de menores que antes da pandemia para previr...
Comentarios