domingo. 16.02.2025

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anuncia o comezo da formación a cidadanía sobre o manexo dos desfibriladores, cursos que impartirá o Concello en todos os barrios da cidade a través dun convenio asinado entre a concellería de Benestar coa Cruz Vermella no marco do programa ‘Lugo con Corazón’.
A rexedora anima a veciñanza a participar, destacando a importancia de adquirir coñecementos que nos poidan axudar a salvar vidas en situación en que cada minuto que pasa conta. Neste senso, lembrou que o Concello, ademais de dotar todas as dependencias municipais de desfibriladores, instalou dez en prazas e espazos públicos da cidade co obxectivo de reverter as cifras de falecementos no municipio debido ás paradas cardíacas: dos 250 casos anuais en Lugo, só un 20% dos afectados chega vivo ao hospital.
Méndez incidiu en que, a pesar de que a Xunta de Galicia non obriga a instalación destes dispositivos como xa fan outras comunidades, “desde o Concello cremos de especial importancia realizar un investir para comprar 67 desfibriladores, tendo en conta que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 ao 75%. En cambio, cada minuto que esta acción se atrasa redúcese a probabilidade de supervivencia entre un 10 e un 12%”.
As sesións formativas serán presenciais e a pé de rúa, e desenvolveranse durante os meses de verán e o mes de setembro. As xornadas, de 4 horas de duración en sesión de tarde, estarán guiadas por un equipo integrado de monitores e instrutores de soporte vital con certificado de capacitación.


A concelleira de Benestar, Olga López, explicou que as clases incidirán nos seguintes aspectos como a identificación dunha parada cardiorespiratoria; manobras de reanimación cardiopulmonar básica; que é un DEA?; quen pode empregalo?; que necesitamos saber?, así como no funcionamento do equipo DESA, que inclúe unha parte práctica. Para asistir, a cidadanía só debe acudir aos espazos para poder participar, non é necesaria a inscrición previa.

Datas e ubicacións das sesións formativas en espazos exteriores
XUÑO
 29 de xuño. Quiroga Ballesteros (16.00 ás 20.00 horas)
 30 de xuño. Campus universitario (16.00 ás 20.00 horas)
XULLO
 5 de xullo. Praza de Augas Férreas (16.00 ás 20.00 horas)
 13 de xullo. Praza do Camiño Primitivo (16.00 ás 20.00 horas)
 18 de xullo. Praza Horta do Seminario (16.00 ás 20.00 horas)
 21 de xullo. Parque da Milagrosa (16.00 ás 20.00 horas)
 26 de xullo. Praza Mercadona (16.00 ás 20.00 horas)
 28 de xullo. Parque Rosalía de Castro (16.00 ás 20.00 horas)

AGOSTO
 2 de agosto. Praza da Milagrosa (16.00 ás 20.00 horas)
 9 de agosto. Paradai (16.00 ás 20.00 horas)
 16 de agosto. Ponte Romana (16.00 ás 20.00 horas)
 23 de agosto. Paseo do Rato (16.00 ás 20.00 horas)
 30 de agosto. Paseo do Miño (16.00 ás 20.00 horas)
SETEMBRO
 6 de setembro. Skate Garabolos (16.00 ás 20.00 horas)
 16 e 17 de setembro. Caudal Fest
 20 de setembro. Campo Castelo (16.00 ás 20.00 horas)
 28 de setembro. Campus Universitario (16.00 ás 20.00 horas)

Arranca en Lugo a formación á cidadanía sobre o uso dos desfibriladores nos distintos...