jueves. 28.03.2024

A XXIV Festa de Exaltación do Pan de Cea, a cita gastronómica máis importante no eido do pan das que se celebran en Galicia, prevé recibir o vindeiro domingo, 5 de xullo, no Campo da Saleta a máis de 10.000 visitantes e repartir 1.500 pezas de pan.

 

O evento foi presentado hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Cea, José Luis Valladares, e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) "Pan de Cea", Carlos Rodríguez. Manuel Baltar explicou que estamos a falar "dun produto estrela da nosa gastronomía" do que lembrou que iniciou a súa andaina para converterse nunha das celebracións gastronómicas máis importantes de Galicia en 1991, cando el era delegado en Ourense da Consellería de Política Agroalimentaria.

 

"Hoxe, 24 anos despois, estamos a ver a gran proxección nacional e internacional que ten o Pan de Cea, o que supón manter viva unha tradición de séculos que naceu na contorna do Mosteiro de Oseira e que ten o recoñecemento que merece como Festa de Interese Turístico". Pola súa banda, José Luis Valladares agradeceu o apoio de Manuel Baltar e da Deputación de Ourense "porque esa colaboración fai posible que ano tras ano esta festa vaia a máis, e proba diso é que nesta edición superaremos a fornada do ano pasado, pasando de 950 a 1.500 pezas de pan".

 

Carlos Rodríguez explicou o programa de actividades que se desenvolverán tanto o sábado, día 4 de xullo, coa "Ruta dos fornos" e o domingo, día 5, a partires das 1.00 horas, coa celebración da festa no Campo da Saleta, "onde produtos gastronómicos de todas as denominacións de orixe, música e tradicións daranse cita para o goce de todos os visitantes".

 

Tanto o Concello de Cea como a asociación de panadeiros viron nesta festa unha gran oportunidade para a exaltación dun produto único, que anos despois obtería, de xeito case simultáneo, un distintivo de calidade a nivel nacional e europeo. Foi precisamente no ano 2004 cando o "Pan de Cea" consegue ser o primeiro con Indicación Xeográfica Protexida en todo Europa, e dada esta circunstancia constituíuse o Consello Regulador da IXP Pan de Cea. Máis información sobre o programa da festa en: www.concellodecea.com www.pandecea.org.

A Festa do Pan de Cea prevé recibir este domingo a máis de 10.000 visitantes e repartir...