Todos os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participan dende hoxe e ata este domingo como expositores no 7º Salón do Automóbil que acaba de abrir as súas portas en Expourense. En total, esta cita ofrece máis de 300 vehículos das 24 marcas que operan na provincia e entre os que se poden atopar coches de todas as gamas e modelos adaptados para cada necesidade.
Destaca ademais o feito de que todos os expositores contan con prezos especiais para os vehículos cuxa venda se peche nesta fin de semana, aos que hai que sumar os descontos que as propias marcas lles facilitan aos concesionarios para facilitar a venda estes días. Trátase dunha cita vencellada cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. e que este ano conta como novidade co patrocinio de ABANCA.
O 7º Salón do Automóbil Novo foi inaugurado esta mañá pola directora xeral de Comercio por delegación expresa do Conselleiro de Economía e Industria. Sol Vázquez destacou que a automoción é “unha peza estratéxica para o desenvolvemento da economía galega e que esta cita representa o último eslabón do proceso de produción, que é a comercialización”.
A directora xeral estivo acompañada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen sinalou que “España é o segundo productor europeo en turismos e Galicia e Ourense xogan aquí un papel fundamental”. Tamén formaron parte da comitiva inaugural o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o presidente do comité executivo de Expourense, Juan Carlos Parada, o director territorial de ABANCA, Rubén Saavedra, e o vicepresidente de A.C.A.U.T.O., Gerardo Aragonés. Foi precisamente este último quen fixo referencia durante a súa intervención a que “a forza deste salón é que conseguiu reunir ao 100% dos concesionarios oficiais da provincia. Estamos contribuíndo a que esta cita se consolide como unha das máis importantes de Galicia”.
O vicepresidente de A.C.A.U.T.O. tamén comentou que “agardamos que o salón nos axude a igualar o resultado das vendas de automóbiles da provincia coa media de España que subiu un 24%. En Ourense incrementáronse un 12%, pero temos por diante un camiño ilusionante e iremos acurtando distancias”.
En total participarán unha vintena de empresas que engloban en total 24 marcas de vehículos: Alfa Romeo, Audi, BMW, Citroën, Dacia, DS, Fiat, Ford, Hyundai, Kia, Mazda, Mercedes-Benz, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, SsanYong, Subaru, Toyota, Volkswagen e Volvo. Todas as marcas están aproveitando a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2016. Facendo un percorrido por este salón, cada concesionario expositor ten un espazo reservado para presentar a última novidade da marca, sexa un modelo novo ou ben unha nova versión dun xa existente.
Nesta cita pódense atopar ademais coches recén chegados da factoría que se presentan en Expourense por primeira vez en Europa e dos que aínda non hai ningún matriculado e que ata hoxe non podían atoparse nos concesionarios españois. A oferta de automóbiles presentados cubre todas as necesidades (utilitarios, familiares, deportivos, monovolumes, suburbano, todoterreo…) e tamén todos os petos, xa que a meirande parte delas acoden con descontos en feira que poden acadar ascender ata os 5.000 euros.
Deste xeito pódese atopar dende un “Seat Mii” por 6.700 euros a un “Mercedes AMG GT” de 153.000 euros. O obxectivo, gañar cota nun mercado moi competitivo onde todas as marcas xeralistas se moven polas mesmas cifras copando cada unha delas entre un 8 e un 11% do mercado. Os visitantes teñen por diante tres días con amplo horario e aparcamento para atopar aquello que buscan ou simplemente para coñecer as últimas novidades do sector de cara a unha compra a medio prazo.
O público poderá consultar nun mesmo espazo toda a oferta existente no mercado ourensán, comparar opcións antes de elixir o coche que mellor se adapte ás súas necesidades. Como incentivo para animar a os visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun autómobil novo (ou de ocasión na cita da vindeira semana), un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do precio de compra do vehículo adquirido e que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia.
Entre as novidades que ofrecen estas citas nesta sétima edición destaca a presenza durante esta fin de semana do Roadshow de Mazda que consistirá nun tráiler e nunha ducia de vehículos desta marca que os visitantes poderán probar. Como en todas as feiras que organiza Expourense, aqueles que se acheguen en tren ata Ourense nos días de celebración destes salón poderán beneficiarse dun 35% de desconto en todas as liñas, AVANT incluída. Pode descargarse en www.expourense.org. O horario de apertura do salón é de 11.00 a 20.00 horas hoxede 10.00 a 20.00 mañá e de 11.00 a 20.30 o domingo. A vindeira fin de semana ceelbrarase o 7º Salón do Automóbil- Vehículo de Ocasión.
NOVIDADES QUE SE PRESENTARÁN OS CONCESIONARIOS NESTA CITA:
SEAT - IBIZA AUDI - Q7 VOLKSWAGEN - POLO CROSS + TOURAN SKODA - SUPERB + SUPERB Combi HYUNDAI - TUCSON VOLVO - XC90 + V60 Cross Country OPEL - ASTRA - BMW - X1 + SERIE 2 GRAN TOURER (7 Prazas) KIA - SORENTO + CEED FIAT - 500 + 500X (Suv) MAZDA - MAZDA 2 + CX-3 (Suv) + MX-5 MERCEDES - A + GLA con facelift + SUV GLC + GT AMG + GLE Coupe – todoterreo RENAULT- KADJAR + ESPACE + SERIE LIMITADAPREMIUM EN CLIO E CAPTUR DACIA - DUSTER, SERIE LIMITADA URBAN EXPLORER PEUGEOT - 208 + 308 GT + PARTNER FORD - S-MAX + MONDEO VIGNALE + MUSTANG - TOYOTA - AVENSIS 2015 DS - DS5 SUBARU - LEVORG SSANGYONG - TIVOLI DIESEL