O municipio madrileño de Alcobendas é o primeiro concello de fóra de Galicia que asina coa Deputación de Ourense o convenio para ofertar aos seus veciños o programa de "Termalismo saudable e cultura termal" que desenvolve a institución provincial co obxectivo de promocionar e promover a actividade termal na provincia de Ourense. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o alcalde de Alcobendas, Ignacio García de Vinuesa, asinaron hoxe en Madrid o acordo "co que se da un paso máis na promoción do termalismo ourensán, permitindo que as administracións locais estean conectadas entre si a través das novas tecnoloxías e os cidadáns se beneficien desta conexión e rapidez na xestión", explicou Manuel Baltar, que engadiu que este convenio "supón o comezo da incorporación doutros concellos de dentro e fóra de Galicia que en breve asinarán o convenio que os conecta electrónicamente coa Deputación de Ourense para permitir que os seus cidadáns se beneficien do programa termal coa máxima inmediatez".
Alcobendas convértese así no primeiro concello de España de fóra da comunidade autónoma de Galicia en asinar o convenio que permitirá aos seus cidadáns acceder con maior facilidade á iniciativa social "Ourense, a provincia termal", un programa de benestar e envellecemento activo a través do termalismo baseado nos beneficios que ofrecen as propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais, os servizos médicos asociados ao seu desfrute, e as actividades socio-culturais que se prestan nas instalacións termais da provincia de Ourense. O programa está dirixido aos maiores de 50 anos, único requisito para participar nel, ofertando estancias de 6 días/5 noites en calquera balneario da provincia de Ourense que elixa o solicitante, en réxime de pensión completa, con acceso ilimitado ás piscinas termais, asesoramento médico á chegada -para decidir as técnicas de tratamento termais-, actividades de animación durante a estancia e a realización de dúas rutas culturais (Ribeira Sacra e Enoturismo).
O programa inclúe o desprazamento en tren dende a estación de Chamartín (Madrid) ata a estación de Ourense e o posterior traslado ao establecemento termal, con saída os luns e regreso os sábados ata o vindeiro entre os meses de marzo a decembro. No programa tamén participa Renfe integrando a xestión dos billetes de tren, de maneira que o cidadán obtén o billete coa solicitude para programa sen necesidade de realizar xestións para o desprazamento. Neste senso, o Concello de Alcobendas e a Deputación de Ourense estarán unidos pola administración electrónica para facilitar ao cidadán a presentación de solicitudes que se resolverán no mesmo momento da súa presentación. Resposta inmediata A xestión de solicitudes pódese realizar unicamente por administración electrónica, eliminado o papel na relación que o cidadán establece coa administración. Desta maneira obtense dende calquera lugar e a calquera hora unha resposta inmediata e en tempo real á solicitude, xa que no mesmo procedemento o cidadán obtén a resolución coa adxudicación da praza.
O programa de Termalismo Saudable establece unha relación administración-cidadán baseada nas novas tecnoloxías pero, á vez, é consciente de "fenda dixital" aínda existente entre a poboación polas diferenzas que se producen entre quen ten coñecementos e medios para relacionarse por Internet e que non, por iso, dende os centros de Maiores de Alcobendas ofrecerán información sobre o programa para que as persoas interesadas en inscribirse poidan presentar a solicitude e obter a resolución coa axuda dos servizos municipais.
Toda a información sobre o programa pódese consultar na páxina web: www.trenbalnearios.com