Expourense amplía a súa carteira de servizos ás máis de 120.000 visitas que rexistra cada ano sumando un punto de atención asistencial médica que estará coordinado polo Centro Médico El Carmen, en Ourense. Isto foi posible grazas á sinatura do convenio de colaboración entre as dúas entidades e que correu a cargo dos seus respectivos directores, Alejandro Rubín Carballo e o Dr. José Carlos Rodríguez Mouriz.
A raíz deste convenio, cada feira e evento organizado por Expourense contará cun servizo de atención médica integrado por persoal deste centro que velará polo benestar dos visitantes e que intervirá no caso de ser preciso atendendo aos visitantes na área de botiquín de Expourense ou derivándoo a un centro médico se fose necesario. Tamén serán os responsables de empregar o desfibrilador instalado no recinto. Este servizo estará dispoñible xa na vindeira cita de Expourense que será o 7º Salón do Automóbil-Vehículo Novo que terá lugar os días 23, 24 e 25 de outubro.
Coa sinatura deste convenio, o Centro Médico El Carmen súmase á listade entidades colaboradores de Expourense confiando no recinto para facer visibles os servizos que prestan e como plataforma para “contar cunha presenza máis notable entre a sociedade ourensá”, tal e como explicou o director do centro durante a sinatura deste acordo. Contarán cun espazo fixo no que posicionarse como o centro hospitalario privado de referencia na provincia de Ourense e un dos máis punteiros de Galicia grazas ao seu equipamento tecnolóxico punteiro e ó seu cadro médico.
Foi precisamente a última feira celebrada en Expourense, Termatalia, a que serviu de marco para a presentación do novo proxecto do Centro Médico El Carmen, “Water Health, cirurxía e balneoterapia” que promove en colaboración co Grupo Caldaria, outra entidade que tamén colabora estreitamente nos proxectos promovidos polo recinto. Trátase da unión de dúas experiencias únicas que permite conxugar técnicas médico-quirúrxicas de vangarda e as máis avanzadas técnicas termais para acelerar o proceso de recuperación do paciente estando ademais nunha contorna privilexiada.