lunes. 30.01.2023

A Deputación apostou en 2022 pola mellora da competividade das pemes e o desenvolvemento dunha rede de emprendedores

A través do proxecto “Emprende Makers” realizáronse diversas accións enfocadas a mellorar as condicións necesarias para a aparición de novas iniciativas empresariais

 

emprendemakers

En decembro de 2022 completáronse as accións levadas a cabo pola Deputación de Ourense no proxecto “Emprende Makers”, unha serie de iniciativas promovidas pola administración provincial para mellorar a competividade das pemes, optimizando as condiciones necesarias e propicias para a aparición de novas iniciativas empresariais. Este proxecto está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cun orzamento de 1.741.202,53 €.

O proxecto “Emprende Makers” apostou por facilitar a creación e desenvolvemento dunha rede de emprendemento que actúe como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa, onde as persoas interesadas poidan acceder a un espazo e a unhas ferramentas que lles permitan desenvolver unha idea de proxecto de carácter tecnolóxico e creativo. Neste proxecto participou, xunto a Deputación, o Concello de Ourense como beneficiario principal xunto á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economías Social da Xunta de Galicia; a Universidade de Vigo; as Cámaras Municipais de Melgaço, Paredes de Coura e Vila Nova de Famalicão; e a Universidade do Minho.

A Deputación de Ourense, como beneficiaria, levou a cabo unha serie de accións ao longo deste ano, rematando o proxecto coa organización do “Decembro Maker Talks”, onde tamén se levou a cabo o concurso “Talento Maker” e a realización do manual ‘maker’ “Argalleiros”.

“Decembro Maker Talks” foron unhas xornadas, celebradas na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, centradas na innovación e na tecnoloxía desde unha perspectiva didáctica e práctica. Asistiron profesionais de diversos sectores como a intelixencia artificial, a impresión 3D, os videoxogos, a ciberseguridade ou exemplos de novos espazos cidadáns concibidos como laboratorios transformadores, puntos de encontro de talento e para o coñecemento. O concurso “Talento Maker” contou coa participación da mocidade e  tivo como obxectivo visibilizar as áreas de coñecemento en tecnoloxía ‘maker’ á xuventude e presentalas como una panca de desenvolvemento e innovación, para espertar e madurar a vocación, conectar a veciños con outros ‘makers’ do seu entorno e premiar o esforzo e o talento. Pola súa parte, o manual ‘maker’ “Argalleiros” é unha guía para o usuario, con puntos de carácter xeneral -introdución ao movemento ‘maker’ ou a historia deste movemento en Galicia e no norte de Portugal e as diferentes tecnoloxías empregados neste eido-, ademais dun glosario de termos e conceptos e un apartado sobre a “Rede Maker GNP”.

Ademais, dentro das actividades realizadas pola Deputación de Ourense, destacan tamén:

.Espazos kids”: Actividades que chegaron a case 800 nenos e nenas de entre 8 e 11 anos da provincia de Ourense para inicialos nas “tecnoloxías maker”.

.Accións dirixidas a reforzar o coñecemento das posibilidades das TICs e as "tecnoloxías maker” tanto como instrumentos de xeración de solucións innovadoras e creativas (51 alumnos) que contou cun acto de entrega de diplomas e mostra dalgúns dos prototipos máis destacados, como de accións formativas específicas no campo do emprendemento (106 alumnos). 

.Xornadas de acceso a financiación e acceso a mercados exteriores, dirixidas aos emprendedores de Galicia e norte de Portugal cunha idea ou proxecto empresarial vinculado a solucións tecnolóxicas, deseños de proxectos ou procesos innovadores asociados ao ámbito “maker”.

.Hackathon - Laboratorio de ideas e innovación, que contou coa participación de máis de 50 persoas e que tiña o obxectivo de seleccionar e premiar as mellores solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sostible en Galicia e na rexión do norte de Portugal. 

A Deputación apostou en 2022 pola mellora da competividade das pemes e o...
Comentarios