lunes 23/5/22

Deputación de Ourense e Xunta de Galicia impulsan o cambio á xestión directa do Consorcio contra Incendios e Salvamento

A comisión de seguimento para a implantación do novo modelo e o pleno  do consorcio celebraron hoxe senllas sesións para estudar os avances no proceso e acordar unha prórroga dun ano para a actual concesionario da xestión do servizo 

 
ourense-incendios

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia deron hoxe un novo paso para impulsar o cambio do modelo de xestión do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, avanzando cara a xestión directa do servizo. A comisión de seguimento para este proceso reuniuse no Pazo Provincial coa finalidade de analizar os traballos realizados ata o momento, en concreto para avaliar o estado do preceptivo informe de intervención que se prevé estea rematado no próximo mes de marzo. 

Con posterioridade a esta reunión e como paso complementario ao cambio de modelo, o Consorcio Provincial celebrou un pleno no que ademais do presidente, o deputado Pablo Pérez, estiveron presentes o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o deputado provincial Aurentino Alonso; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o subdirector xeral de Seguridade e Coordinación, Andrés Iglesias López.  

Na sesión acordouse prorrogar durante un ano o contrato coa empresa que na actualidade xestiona o servizo, prórroga que en todo caso poderá quedar suspendida se neste tempo queda culminado o proceso de cambio de xestión.  

Ao remate de ambas convocatorias, Pablo Pérez subliñou que este trámite “é unha mostra máis da execución dos compromisos do goberno provincial, reflectidos nos seus plans de mandato, desta volta impulsando un cambio substancial na prestación dun servizo imprescindible para garantir a seguridade da veciñanza”.   

O orzamento anual do Consorcio supera os 4,3 millóns 

Neste sentido, destacou Pérez “o esforzo económico que supón o mantemento do Consorcio para a Deputación, que achega 1,4 millóns euros dun orzamento que supera os 4,3 millóns”, subliñando ademais o importante investimento que vimos facendo en renovación de vehículos e adquisición de medios materiais para os parques do Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras, con máis de 300.000 euros”. Grazas a esta cooperación coa Xunta de Galicia, engadiu, “podemos asegurar que hoxe dispoñemos duns servizos instalacións, persoal cualificado e dotación material acordes ás necesidades”. 

Lembra Pablo Pérez que os catro parques que xestiona o Consorcio súmanse aos 11 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia, ao servizo supramunicipal de Terras de Celanova e o parque de bombeiros que xestiona directamente a Deputación con base no polígono de San Cibrao, de tal xeito que Ourense ten pechado así o seu mapa provincial de emerxencias. 

Deputación de Ourense e Xunta de Galicia impulsan o cambio á xestión directa do...
Comentarios