viernes. 19.04.2024

Esta tarde o Teatro Principal de Ourense acolleu a premier mundial de Cuñados, a primeira longametraxe de ficción producida por Portocabo. No acto estiveron presentes Alfonso Blanco -director xeral da produtora-, Xaime Arias -director de Proxección Social  da CRTVG-, Román Rodríguez -conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia-, e Manuel Baltar -presidente da Deputación de Ourense-, entre outros.

Se ben Alfonso Blanco confirmou que o filme chegará ás salas con 120 copias dispoñibles en todo o Estado español, Manuel Baltar destacou a "natureza cinematográfica da provincia de Ourense" e Román Rodríguez o "gran talento audiovisual da nosa terra". Xaime Arias, pola súa banda, puxo o foco na calidade do guion, autoría de Araceli Gonda.

Ademais deles, na cidade das Burgas tamén quixeron estar presentes algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do panorama cinematográfico galego que forman parte do elenco:  Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muiños ou Mela Casal. A ocasión serviu para volver ver xuntos a varios membros de Lamatumbá, unnha das bandas máis representativas da música galega co seu aire festivo e de verbena e a encargada de poñer a banda sonora a este  filme.

O talento

Cuñados supón o salto á longametraxe de Toño López que, tras dirixir exitosas ficcións seriadas internacionais como Miracle Tunes (Portocabo, ShowLab, Blasteem, Mediaset, Kamca Group) ou Auga Seca (Portocabo, Sp-i), asume nesta ocasión a dirección desta gran comedia galega. Nas súas palabras, “esta é unha comedia de case criminais, alegre, alborotada e vitalista para todos os públicos que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón, e que tal vez nos sirva tamén para ver as nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor”.

Ao fronte do resto do equipo técnico atópanse grandes profesionais do noso audiovisual como Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guion), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario).

O filme, que se estreará cines este venres 9 de abril, é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE, Televisión de Galicia e Movistar e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En Cuñados colaboraron a Deputación de Ourense e D.O. Ribeiro e está rodada integramente na provincia de Ourense. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.

Sinopse

Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen pensa un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, malo será.

Ourense acolle a premier mundial de Cuñados, a primeira longametraxe de Portocabo