sábado. 14.12.2024

A VI edición da “Ourense Strade Termal” que vén organizando o Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, reunirá a preto de 400 deportistas procedentes de máis de 20 provincias para gozar do “sterrato” nesta proba única na provincia de Ourense que se celebrará o vindeiro domingo, 16 de abril.

A presentación do evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; os alcaldes e alcaldesas de Lobios, Bande e Lobeira; Mª Carmen Yáñez, Sandra Quintas e Antonio Iglesias, respectivamente; o concelleiro de Deportes da Cámara Municipal de Montalegre; Jorge Fidalgo; a técnico de Deportes do Concello de Muíños, Xiana Carrera; o delegado provincial da Federación Galega de Ciclismo, Eduardo Alberca; o xerente de Rodosa, David Romero; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.

Esta nova edición da “Ourense Strade Termal” levará aos cicloturistas apaixonados do “sterrato” a descubrir fermosas paraxes da Baixa Limia, concretamente, pertencentes aos concellos de Lobios, Entrimo, Lobeira, Bande e Muíños. Ademais, como cada ano, a proba cruzará a fronteira para chegar a Tourem, á Cámara Municipal de Montalegre.

A competición, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, ofrece aos deportistas dous percorridos: o gran fondo de 115 quilómetros e cun desnivel de 1.950 metros, e un  mini fondo de 75 quilómetros con 1.200 metros de desnivel acumulado. Dúas distancias que terán como novidade nesta edición que será a que conte con máis “sterratos”, 6 en total que sumarán máis de 12 km de zonas de terra compactada. A saída, será ás 9.30 horas no Balneario Lobios Caldaria situado en Riocaldo (Lobios), onde tamén será o punto de chegada.

A VI edición da “Ourense Strade Termal” reunirá a preto de 400 deportistas