martes. 19.03.2024

www.caan.depo.es Esta é a dirección na que todos os interesados en coñecer o funcionamento do Centro de Acollida de Animais Abandonados da Deputación poden obter información detallada sobre este servizo provincial. Pero sobre todo, esta web -que hoxe mesmo botou a andar- é o sitio que todas as persoas que están pensando en adquirir un animal de compañía poden visitar coa seguridade de atopar o animal que mellor se adapte á súa situación.
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha a nova web do Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira, desde a que se busca promover as adopcións e concienciar á poboación contra o abandono dos animais. Cun apartado específico de adopcións, a web ofrece información detallada sobre cada un dos animais que están en condicións de ser adoptados, incluíndo fotografía e detalles sobre o carácter do animal, ademais da raza, idade, sexo, nome e concello no que foi recollido.
O obxectivo é que todas as persoas que buscan adoptar poidan facelo da forma máis sinxela. Así, a través dun formulario online, poden solicitar información máis detallada sobre o animal que lles interesa e serán os técnicos do centro os que se poñan en contacto coa persoa interesada para responder as súas dúbidas e facilitarlles todos os trámites da adopción. As adopcións son totalmente gratuítas e os animais son entregados ao seu novo dono vacinados, desparasitados e co correspondente microchip.
Animais perdidos
Así mesmo, a web inclúe un apartado relativo a Animais perdidos, desde a que se pretende facilitar o reencontro entre os cans extraviados e os seus propietarios. Nesta liña, calquera persoa que perdese o seu animal pode remitir unha fotografía do mesmo e os datos adicionais que considere oportunos coa seguridade de que, se se atopa no CAAN, os técnicos do centro contactarán de forma inmediata con el para que poida recuperalo.
De feito, son xa máis de 150 os animais perdidos que puideron volver á súa casa grazas á mediación do servizo provincial de acollida de animais. Así mesmo, outros 70 animais atoparon un novo fogar ao ser adoptados no CAAN. Nos seus primeiros 4 meses de funcionamento, este centro realizou xa máis de 600 actuacións. Ademais dos máis de 150 devoltos aos seus donos e os 70 entregados en adopción, 270 son cans adultos que se atopan acollidos no centro e outro cento son cachorros que reciben os coidados e mimos do persoal de CAAN.
Máis adopcións
O centro traballa baixo a premisa de que todo animal merece o mellor dos fogares, polo que desenvolve un intenso labor de promoción das adopcións (tanto desde a súa propia web como en colaboración con outras entidades da provincia, como Peludos sen Fogar ou Adopcións Galicia) e de concienciación contra o abandono. Nesta liña, as perspectivas son que coa posta en marcha da web do centro se incrementen notablemente as adopcións e sexan cada día máis os animais que poden abandonar as instalacións de Armenteira para integrarse nunha familia responsable que asume o compromiso de darlle os coidados e tratamento que necesita. Nos primeiros 20 días desde que o animal é recollido das rúas de calquera dos 48 concellos adheridos ao servizo, os técnicos do centro tratan de localizar ao seu propietario por se se trata dun caso de extravío. Este labor é moi sinxelo se o animal en cuestión está identificado co microchip, pero complícase se carece del. 

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a web do centro de acollida de animais...