A Aula Cemit de Poio, situada na Escola do Campo de
Combarro, retomará a súa actividade nos vindeiros días, logo do seu peche habitual polas
vacacións de Nadal. O ano 2022 comezará cunha oferta formativa, totalmente gratuíta,
que se estenderá durante máis de 12 horas, abarcando diferentes temáticas e que se
centrará fundamentalmente en cursos de iniciación ás novas tecnoloxías e no uso de
ferramentas de gran importancia como Internet ou dispositivos para a celebración de
videoconferencias.
Estes ciclos darán comezo o 17 de xaneiro. Os primeiros prolongaranse ata o venres 21
de xaneiro e versarán sobre iniciación á informática, para familiarizase co uso de
ordenadores, e tamén pautas iniciais sobre a elaboración de follas de cálculo, mediante o
uso da aplicación LibreOffice Calc (haberá tamén un obradoiro de nivel medio previsto
entre os días 24 e 28 de xaneiro). Precisamente, tamén do 24 ao 28 realizarase un curso
básico de iniciación a Internet, mentres que do 31 ao 3 de febreiro haberá clases para
aprender a crear e manexar unha conta de correo electrónico. Nas mesmas datas,
ofreceranse pautas para o uso de Scribus, unha aplicación que permite o deseño de
carteis e folletos. No tramo final de xaneiro tamén se ofertará un ciclo sobre o manexo de
Facebook, Skype e Google para a realización de videoconferencias. A programación
pecharase o 4 de febreiro cunha sesión sobre uso seguro de ordenador e dispositivos
móbiles. Todos os cursos realizaranse en horario de tarde, ou ben de 16.00 a 17.30 o de
17.30 a 19.30 horas.
Se ben os cursos non comezan ata o día 17, a Aula Cemit xa estará a disposición da
cidadanía a partires do vindeiro luns 10 de xaneiro. As instalacións poderán utilizarse,
previo rexistro, de luns a venres de 19.30 a 21.00 horas. Ademais, lémbrase que as
asociacións locais poderán tamén facer uso das dependencias, realizando a pertinente
reserva previamente. As persoas interesadas en anotarse nos cursos ofertados poderán
facelo chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1321) ou enviando un
correo electrónico cos seus datos persoais á dirección [email protected]. Tamén é
posible consultar a programación no perfil de Facebook do que dispón a aula. As sesións
lévanse a cabo cumprindo con todos os protocolos de seguridade marcados por mor do
contexto derivado da COVID-19.
A aula Cemit de Combarro ofrecerá máis de 12 horas de formación diversa durante xaneiro
A maioría das primeiras sesións do ano 2022 centraranse en cursos de iniciación sobre utilización de ordenadores, Internet ou aplicacións para a realización de follas de cálculo ou videoconferencias.

3 de enero de 2022, 16:24