lunes. 02.10.2023

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, deu a coñecer este martes os detalles do pliego de condicións para a concesión demanial da Illa de Tambo en favor do Concello de Poio. Trátase dun documento que, tras pasar polo Pleno ordinario, permitirá á Administración municipal empezar a xestionar este emblemático paraxe a partires do 1 de marzo de 2022.

Agís, que foi o responsable de levar a cabo as xestións pertinentes co Ministerio de Defensa, estivo acompañado polo xefe da Área de Patrimonio da Subdelegación de Defensa en Pontevedra, Pedro Donato Díez García. O edil do Goberno local expresou o seu agradecemento ao departamento estatal, xa que “a súa predisposición e espírito colaborativo resultou indispensable para que hoxe presentemos un documento que supón un fito histórico para Poio”. E é que esta concesión permitirá ao Concello abrir a illa, a través dunha xestión “controlada, seria e rigorosa”, á cidadanía. A concesión demanial terá unha duración de 25 anos, con posibilidade de prórroga ata os 75, unha marxe “máis que suficiente” para que o Concello poida continuar as xestións para completar o traspaso da titularidade de Tambo de xeito definitivo. “Esta é a figura legal que nos outorga unha maior axilidade á hora de poder empezar a xestionar actuacións na illa”, explicou o concelleiro do PSdeG-PSOE, que incide en que, unha vez entre en vigor no segundo trimestre de 2022, comenzaranse a programar actuacións de limpeza e conservación, ademais da organización de visitas, para “dar a coñecer unha paraxe emblemática desde o punto de vista histórico e patrimonial” e “cun importante atractivo turístico”.

 

O acordo acadado co Ministerio de Defensa establece un canon de 25.000 euros anuais, cantidade da que se deducirán as pertinentes inversións para labores de posta a punto, coidado e mantemento. A propia Administración municipal será tamén a encargada de de velar polo mantemento, a limpeza e a vixía da Illa de Tambo. O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo sinala que o pliego inclúe cuestións como o uso específico deste espazo para fins culturais, sociais, educativos ou medio ambientais. “Non imos permitir ningún tipo de especulación urbanística en Tambo”, garantiu. Ademais, o Concello contará co visto bo para a dotación de elementos móbiles e modulares de edificios temporais, así como para a instalación de valado e sinalización. Tal e como lembrou Agís Gómez, a Illa de Tambo conta cunha superficie que rolda os 240.000 metros cadrados, nos que se poden atopar emprazamentos, restos arqueolóxicos e estruturas “dun incalculable valor arquitectónico e histórico”, que demostran a importancia que tivo esta illa, situada en pleno corazón da ría da Pontevedra, ao longo da historia. Precisamente, unha das prioridades marcadas polo titular de Promoción Económica e Urbanismo será recuperar e poñer en valor enclaves como os restos que datan da Idade de Ferro, a ermida do século XVI ou o lazareto do século XIX, sen esquecer o emblemático Faro de Tenlo, que en 2022 cumprirá 100 anos de existencia.

Pasos a seguir

 

Unha vez confirmada a concesión demanial, o Concello ten moi claros os pasos a seguir. Neste sentido, o socialista Gregorio Agís adiantou que a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo solicitará que Tambo pase a ser definida como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), petición que se lle trasladará á Xunta de Galicia. Ademais, traballarase na elaboración dun Plan de Usos, que se redactará “buscando o consenso cos colectivos que forman parte da Comisión de Seguimento de Tambo”. Precisamente, Agís confirmou que nos últimos días enviouse a todas estas asociacións unha carta na que se lles traslada a intención de convocar a comisión a principios de 2022 para abordar este tema.

“Estamos infinitamente agradecidos ao tecido asociativo polas súas achegas, a súa implicación e o seu interese á hora de buscar fórmulas para que Tambo poida abrirse á cidadanía”, concluíu Gregorio Agís, que tamén trasladou o seu agradecemento ao Goberno central, con que “seguiremos indo da man para seguir facendo realidade acordos que dean resposta a demandas histórica, como no caso de Tambo”. Neste punto, quixo facer unha mención especial a Pedro Cortés, subdelegado de Defensa, así como á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, pola súa “actitude construtiva e predisposición total desde o primeiro momento para que esta negociación chegase a bo porto”.

A cesión demanial de Tambo permitirá ao Concello de Poio asumir competencias na Illa de...