sábado. 10.06.2023

Comezan as obras da mellora e recuperación da contorna de Lameiriña e Caneliñas, en Raxó

A actuación conta cun orzamento que supera os 365.000 euros, IVE engadido, obtidos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
obras-lameirina

Os traballos de mellora e recuperación da contorna de Lameiriña e Caneliñas, na parroquia de Raxó, xa están en marcha. A tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos, a socialista Chelo Besada, pasou revista na mañá deste martes ao inicio da actuación, acompañada polo responsable de Urbanismo e Promoción Económica, o tamén socialista Gregorio Agís. Este proxecto, subvencionado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento que ascende a máis de 365.000 euros, IVE engadido, e serve para impulsar unha importante transformación deste núcleo, desde a Rúa Lameiriña ata Caneliñas, pasando tamén pola propia Praza Lameiriña.

Tal e como lembrou Besada Lores, o proxecto foi modificado e ampliado con respecto ao inicial, que non se levou a cabo seu día polo cese repentino de actividade por parte da anterior adxudicataria, Nexia Infraestructuras. Agora, é Construcións Obras e Viais SA (Covsa) quen asume as novas obras, logo de que se volvese a sacar a concurso o proxecto. Actúase ao longo dunha extensión que supera o medio quilómetro, e que inclúe tamén un dos ramais que enlaza Lameiriña coa Avenida da Toxa, na PO-308. Apóstase pola completa renovación do firme, que pasará a ser de empedrado, o que garante unha maior duración no tempo e facilidades á hora de acometer, en caso de que sexan necesarias, reparacións puntuais, e un reforzo no que ao respecto e adaptación da contorna se refire.

A rúa terá unha plataforma única, en favor dunha maior seguridade viaria, e contará con todos os requisitos para facilitar a mobilidade. O proxecto contempla a dotación de ata dez novas bocas de rego, para 1 facilitar labores dos servizos de emerxencias en caso de necesidade, e a renovación de servizos básicos como abastecemento. A tenente de alcalde socialista explicou que, para garantir a seguridade e un eficaz desenvolvemento dos labores dos operarios, será necesario cortar o tráfico ao longo da rúa mentres se desenvolvan estes traballos. Só se permitirá o aceso de vehículos a persoas residentes. A concelleira de Obras e Servizos Municipais confía en que a actuación estea rematada antes do vindeiro verán. 

Comezan as obras da mellora e recuperación da contorna de Lameiriña e Caneliñas, en Raxó
Comentarios