O IES de Poio acolleu hai uns días unha serie de charlas sobre Memoria Histórica. Trátase dunha iniciativa que forma parte da programación de actividades impulsada por este departamento, dirixido pola nacionalista Marga Caldas, e que foi financiada a través dunha achega realizada pola Deputación Provincial de Pontevedra.
Grazas a este ciclo, o alumnado de 1º de Bacharelato puido gozar cun coloquio a cargo da escritora de Eva Mejuto, que versou sobre a súa obra A lavandeira de San Simón. Nesta historia fálase do papel que protagonizaron mulleres que, durante a Guerra Civil, trasladaban á illa de San Simón roupa e alimentos para as persoas que permanecían presas neste lugar, que foi unha prisión durante o conflito bélico. A través de iniciativas como esta, denúnciase a represión e as inxustizas que se viviron durante esa negra etapa do século XX, especialmente en Galicia. Marga Caldas incide nos obxectivos que se pretenden acadar impulsando este tipo de programas. “É importante traballar na recuperación da Memoria Histórica, especialmente entre as novas xeracións”, sinalou a concelleira do BNG, que valora positivamente a realización deste tipo de charlas nos centros de ensino. “A nosa intención é manter esta folla de ruta en 2022”, adiantou.
A través deste programa tamén se desenvolveron outras actividades nos últimos meses, como foi a exposición ‘Galiza Mártir. Da quenda do tempo republicano’, que permaneceu operativa o pasado verán no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. A mostra facía un repaso á loita pola Autonomía, o exilio, a resistencia democrática ou ás denuncias que se fixeron contra a represión franquista existente en Galicia desde a finalización da Guerra Civil ata finais da década dos 70, cando o réxime chegou ao seu fin.