sábado. 20.04.2024

A Concellería de Mocidade vén de informar do aprazamento
temporal da celebración do Torneo Súper Smash Bros Ultimate, unha iniciativa que
inicialmente estaba fixada para o sábado 8 de xaneiro e que suporía o peche da
programación de Nadal impulsada polo departamento que dirixe a socialista Rosa
Fernández.
A concelleira titular da área explica que a decisión vén motivada pola situación sanitaria
actual. Cómpre lembrar que esta competición de videoxogos ía desenvolverse nas
dependencias da Casa Rosada. “Tiñamos un número limitado de prazas para
participantes e íanse garantir todas as medidas sanitarias correspondentes, pero
entendemos que, dado o contexto actual, é preferible adiar o evento ata que superemos a
sexta onda da COVID-19”, explica Fernández González. A edil do Goberno municipal
agradece a comprensión amosada pola Asociación Gaming Troop, impulsora desta
actividade, en colaboración coa Concellería de Mocidade. Maila que aínda non se
estableceu unha data definitiva para celebrar o torneo, a concelleira do PSdeG-PSOE
garante que terá lugar un sábado. “Estamos barallando a opción de trasladalo a principios
de marzo, pero todo dependerá de cando superemos esta sexta onda”, indica. A día de
hoxe, as prazas ofertadas para a inscrición de participantes estaban practicamente
completas (32 de 40), o que fala do interese que espertou esta iniciativa. “Confiamos en
que este cambio non afecte á participación e resulte todo un éxito, máxime tendo en conta
que se trata dunha proposta pensada para mozos e mozas maiores de 13 anos e
amantes dos videoxogos”, apunta Rosa Fernández.
Por outra banda, a Concellería de Mocidade tamén se atopa inmersa actualmente na
preparación e organización de actividades lúdicas e formativas que se desenvolverán ao
longo do primeiro semestre do ano. Ademais, apóstase unha vez máis por impulsar
1

iniciativas en colaboración co tecido educativo de Poio. Así, está previsto que nas
vindeiras semanas volvan as sesións do programa Os Oficios no IES, a través das cales o
alumnado se familiariza con oficios tradicionais, ou a celebración do Día da Non Violencia
Escolar e da Paz, que se leva a cabo nos centros de Primaria.

A concellería de mocidade de Poio apraza a celebración do torneo súper smash Bros...