domingo 16/1/22

A concellería de turismo de Poio instala novos paneis informativos e dous tótems en diferentes puntos do municipio

Os elementos achegan información de interese, planos turísticos, imaxes e datos sobre aloxamentos
paneles-poio

A Concellería de Turismo vén de acometer a instalación de novos paneis informativos, así como dous tótems, en diferentes emprazamentos do municipio. A titular deste departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), explica que, no caso
dos paneis, estes novos elementos contan cun planímetro de cada parroquia, no que, ademais, tanto a veciñanza como os e as visitantes que veñen ao concello poderán obter información sobre os recursos turísticos das zonas nas que se atopan. En concreto, estes elementos foron habilitados nas inmediacións do Casal de Ferreirós (San Salvador), no
Paseo das Redeiras (Combarro) e un panel dobre con información sobre Raxó e Samieira no mirador do Laño. Con respecto aos tótems, sitúanse en Raxó e nas inmediacións da Barca, nos límites do municipio, cunha mensaxe de benvida para as persoas que acceden a Poio a través da estrada PO-308. Estes dous tótems serven para substituír aos anteriores, que se presentaban un estado de deterioro moi acentuado.


Os catro paneis conteñen tamén imaxes e fotografías nos que se amosan as riquezas e bens patrimoniais, medioambientais e históricos do municipio. Ademais, no caso da infraestrutura habilitada en Ferreirós, Silvia Díaz explica que tamén se engadiu outra
información de interese, como son datos dos aloxamentos turísticos rexistrados no municipio, así como un plano turístico da vila. Esta actuación súmase a outras semellantes acometidas nos últimos meses pola Concellería de Turismo, como a da sinalización correspondente ao tramo da Variante Espiritual do Camiño Portugués, que vai desde Pontevedra ata o Mosteiro da Armenteira, en Meis, e pasa por varias zonas do municipio de Poio.


Precisamente, a concelleira de Avante participará este mércores na prestación do proxecto para a posta en valor da orixe de todos os Camiños Xacobeos, impulsada polo Goberno central e a Mancomunidade do Salnés. Silvia Díaz salienta a importancia que ten
a Variante Espiritual para Poio, especialmente logo de que a Xunta tomase a decisión de estender o Ano Santo ata 2022, por mor da pandemia da COVID-19. Neste sentido, Díaz lembra que no que vai de ano pasaron polo municipio preto de 6.000 peregrinos, “moitos dos cales aproveitaron o traxecto cara o Mosteiro da Armenteira para gozar cos atractivos que temos en Poio”.

A concellería de turismo de Poio instala novos paneis informativos e dous tótems en...
Comentarios