O Concello de Cuntis grazas a Deputación de Pontevedra puxo en marcha un novo proxecto de divulgación e potenciación de diferentes elementos do patrimonio etnográfico da senda dos ríos Gallo e Umia.
Esta actuación de mellora da sinalización destes bens faise grazas á subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 3.408,10 euros, afectando a 3 recursos patrimoniais distribuídos ao longo da senda. A axuda está dentro da orde de concesión de subvencións para a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos e a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2021.
O obxecto deste proxecto foi dotar á senda fluvial dos ríos Gallo e Umia duns elementos fundamentais para ofrecer a máxima comodidade e información ás persoas que fagan uso deles durante a ruta.
O principal reclamo para o turismo de Cuntis son as augas termais que sen dúbida empastan perfectamente con actividades ao aire libre e actividades deportivas. Por este motivo potenciase unha das rutas máis transitadas como é a senda fluvial dos ríos Gallo e Umia.
Os elementos elixidos para esta acción son: a poza do Pego, o serradoiro de Silva e os muíños de Campañó.
Como explicou o concelleiro de turismo “Unha boa acollida desta acción posibilitaría a colocación de novos paneis noutros elementos patrimoniais e a creación de novas rutas de sendeirismo o que potenciaría aínda máis a nosa idea de destino de natureza e saúde e implicaría a creación de novos postos de traballo e novas oportunidades”.
O concelleiro de Turismo e Patrimonio, Martín Álvarez tamén apuntou que "con este proxecto queremos poñer en valor e divulgar o extenso e valioso patrimonio etnográfico do que gozamos en Cuntis, para dalo a coñecer entre os visitantes e poñelo en valor".
Así mesmo, indicou que con esta mellora, "favoreceremos a descentralización do turismo do casco urbano e, ademais de potenciar estes bens, axudamos a descubrir recunchos de gran beleza paisaxística espallados polo noso rural".