martes. 30.05.2023

O concello impulsa obras para mellora e dotación de rede de pluvais na rúa Espiñeiros de Lourido

A concelleira de Obras, Chelo Besada (PSOE), informa de que a actuación será levada a cabo polos operarios municipais e contempla tamén a implantación dunha senda peonil
rua-espineiros
O Concello de Poio iniciará nos vindeiros días unhas obras
de mellora para dotar de servizo de recollida de augas pluviais ás vivendas existentes na
Rúa Espiñeiros, situadas no lugar de Lourido, na parroquia de San Salvador. Así o
confirmou este luns a tenente de alcalde e responsable da área de Obras e Servizos
Municipais, a socialista Chelo Besada, que explicou que as tarefas serán levadas a cabo
polos operarios municipais. Deste xeito, dáse continuidade ás actuacións que desde a
Administración local se están levando a cabo para dotar e renovar prestacións básicas en
diferentes puntos da vila, facendo especial fincapé no ámbito rural.
Tal e como explica a tenente de alcalde, os traballos estenderanse ao longo de toda a rúa,
nunha superficie de 300 metros aproximadamente. “Existen algúns tramos nos que o
espazo xa conta con rede de pluvais, pero detectamos que non se atopan en bo estado,
polo que procederemos á súa renovación”, sinalou a concelleira do Goberno local, que
engadiu que, a maiores, contémplase a dotación de tubaxe nas partes da rúa que
actualmente carecen deste servizo. A maiores, a actuación a tamén servirá para habilitar
unha senda peonil ao longo de toda a rúa. Neste sentido, Besada avanza que nalgúns
tramos substituirase a beirarrúa pola devandita senda, cunha cuneta na que tamén se
habilitará a rede de pluviais.
A edil do PSdeG-PSOE confía en que as obras estean rematadas no menor tempo
posible. “Agardamos que as condicións meteorolóxicas permitan aos operarios traballar
con normalidade”, finalizou. Cómpre lembrar que a día de hoxe tamén avanzan a bo ritmo
as obras de dotación e mellora de saneamento no lugar de San Martiño, na parroquia de
San Xoán. Neste caso, a actuación está sendo levada a cabo pola empresa EC Casa, cun
orzamento que ascende a preto de 80.000 euros, IVE engadido.

O concello impulsa obras para mellora e dotación de rede de pluvais na rúa Espiñeiros...
Comentarios