jueves. 28.03.2024

O Concello de Poio aprobará o Orzamento correspondente a 2022 antes de que finalice o ano vixente. A contía ascenderá a 13,47 millóns de euros, marcando, deste xeito, un novo teito histórico. Esta partida supón un incremento do 3,5% (450.000 euros) con respecto ao de 2021 e preto dun 6% máis co de 2020, polo que, tal e como indica o Goberno local, consolídase aínda máis se cabe a liña ascendente que se vén marcando ao longo da última década. O documento pasará pola Comisión de Facenda do vindeiro mércores e levarase a Pleno para a súa aprobación na sesión ordinaria de decembro, fixada para o día 21.

Os dirixentes municipais salientan que estas contas son “prudentes e realistas”, ao mesmo tempo que garanten a eficiencia do mantemento dos servizos básicos, da mellora da asistencia social e o desenvolvemento de actividades lúdicas, deportivas, sociais e culturais. O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, recalca, ademais, que “aínda está pendente de realizarse a liquidación do exercicio vixente”, que, ao igual que en anos anteriores, prevese que servirá para que montante final do Orzamento de 2021 supere os 20 millóns de euros. Un dos apartados nos que se rexistra un maior incremento é no de Servizos Sociais, que pasará a contar cun importe de 1,3 millóns de euros, o equivalente a practicamente o 10% do Orzamento. Esta partida aumenta en preto de 150.000 euros e tamén contempla unha suba para o Fondo de Emerxencia Social, a través do cal o Concello presta servizo ás familias con menos recursos. En canto aos servizos básicos
 
(subministro de auga, saneamento, alumeado e recollida de lixo), tamén se rexistra un aumento, ata cubrir máis do 33% do presuposto (4,4 millóns de euros).

No apartado de investimentos, contémplase unha previsión inicial de 638.000 euros, un 11,93% mais que en 2021. En todo caso, Xulio Barreiro aclara que este é un apartado “que non está pechado”, o que permitirá incluír as subvencións e achegas que ao longo do ano se vaian obtendo a través doutras administracións. Asemade, O Goberno local prevé efectuar actuacións de relevancia como a compra de terreos para o novo Centro de Saúde (valorada en 300.000 euros) ou a ampliación do cemiterio de San Xoán (200.000 euros), xa contempladas no exercicio actual e que actualmente se atopan na fase final da súa tramitación, co obxectivo de seren unha realidade ao longo de 2022.

Conxelación de taxas e bonificacións

Por outra banda, o Goberno municipal tamén mantén a súa política de conxelación de taxas e impostos municipais. Así, un ano máis, os recibos correspondentes a servizos básicos (auga, saneamento e lixo) non experimentarán cambios, unha tendencia que se mantén desde o ano 2013. “O rigoroso control que levamos a cabo dos gastos permítenos continuar garantindo e mellorando prestacións sen que iso repercuta nas economías das familias”, sinalan os dirixentes municipais.

Ademais, o Concello lembra que en 2022 entrarán en vigor varias bonificacións aprobadas este ano. Entre elas, destacan as que se aplicarán ao Imposto de Bens Inmobles (IBI). Deste xeito, aplicarase unha redución do 50% a familias numerosas con rendas inferiores aos 30.000 euros anuais. Tamén haberá descontos do 25% para vivendas construídas antes do ano 2007 que contemplen a instalación de sistemas de aforro enerxético (como paneis solares, por exemplo) e de hasta o 95% para explotacións agrarias. Tamén estaba previsto un recargo do 25% para vivendas sen habitar (que non afectaría ás que se atopan en alugamento o contan con persoas empadroadas), pero esta modificación queda en suspenso mentres o Goberno central non conclúa a tramitación a Lei de Vivenda, que xa contempla medidas neste apartado.

As bonificacións tamén se estenderán para o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), dun 50% para aquelas persoas que dispoñan ou adquiran automóbiles híbridos. No caso dos eléctricos, haberá unha exención do 100%. A través destas medidas búscase reducir o impacto de emisión de gases e dar cumprimento ás directrices establecidas na Axenda 2030. Neste apartado, aplícase unha suba do 10% para turismos que non cumpran estas características, e que non afectará a camións, autobuses, tractores e ciclomotores. O concelleiro de Facenda lembra que a día de hoxe a ‘viñeta’ en Poio é unha das máis baixas de toda a comarca de Pontevedra. “En canto se aplique esta variación, seguiremos a estar por debaixo da media provincial”, indicou Barreiro.

O concello de Poio marcará un novo máximo co orzamento de 2022, que ascende a 13,47...