sábado. 20.04.2024

O Pleno da Corporación aprobou na súa sesión ordinaria de decembro, a pesar dos votos en contra do Partido Popular, o Orzamento municipal máis alto da historia do municipio. As contas para 2022 ascenden a 13,47 millóns de euros, o que se traduce nun crecemento do 3,5% con respecto ao exercicio actual (unha suba de preto de 500.000 euros). Esta partida, elaborada en base a criterios realistas e prudentes, inclúe unha suba para Servizos Sociais e garante os servizos básicos e a organización de actividades lúdicas, deportivas e socioculturais, mantendo, ademais, unha política de conxelación de taxas e impostos que leva vixente desde hai case unha década.

Durante o debate previo a esta aprobación inicial, o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, adiantou que as previsións sobre a liquidación do ano 2021 adiantan a dotación dun Remanente de Tesourería que pode superar os dous millóns de euros, o que “garante a realización de proxectos e actuacións moi importantes ao longo do vindeiro exercicio e que xa se atopan en tramitación”. Ademais, os dirixentes municipais lembraron que o apartado de investimentos (638.000 euros, un 12% máis que no Orzamento actual) serán destinados á obtención de fondos que se tramiten ante diferentes institucións. Precisamente, tal e como lembra o Goberno local, esta política foi a que permitiu que nos últimos meses se obtivesen máis de 3 millóns de euros de fondos da Deputación de Pontevedra ou de Europa, para o desenvolvemento de proxectos como a renovación do alumeado público ou a rehabilitación da rúa Ramón Encinas, no porto de Raxó, ou o núcleo do Xuviño. “Os investimentos que figuran no Orzamento garanten que poidamos asumir a porcentaxe correspondente que contemplan as bases das convocatorias”, lembrou Barreiro.
 
Outra cuestión na que fai fincapé o Goberno local é nos 1,3 millóns que se destinan a Servizos Sociais, o equivalente ao 10% do Orzamento. Sobre esta cuestión, o equipo de Goberno criticou as afirmacións realizadas polo PP sobre os investimentos que a Xunta de Galicia fai neste eido. O edil de Facenda aclarou que as achegas da Administración autonómica para este departamento ascenden a 358.000 euros, o 27% da contía total que figura na partida municipal. “É algo que está cuantificado e non admite discusión”, recalcou.

O Goberno local tamén amosou a súa sorpresa polo feito de que os populares consideren que a aprobación das contas “chegue tarde”. “Somos un dos primeiros concellos da provincia de Pontevedra en aprobar o Orzamento do vindeiro ano, antes de que remate o actual. É unha acusación moi pouco seria”, sinalan os dirixentes locais, que tamén censuran os “augurios apocalípticos” que realiza o PP sobre a estabilidade económica do Concello. “Levan 25 anos votando en contra das partidas anuais, anunciando catástrofes e, pola contra, seguimos a manter unha tendencia de crecemento consolidada desde hai máis de dez anos”, finalizan. Con respecto á débeda municipal, pecharase 2022 cun 64%, a mesma porcentaxe que ao comezo do ano, xa que o novo préstamo a solicitar de
600.000 euros compensaranse coa amortización, da mesma cantidade, doutro crédito previo. A normativa actual contempla a posibilidade de aumentar o endebedamento ata o 110%, escenario que o Goberno local “non contempla”. Pola contra, o novo préstamo permitirá axilizar a compra de material e maquinaria necesaria para a realización de diferentes traballos de mantemento e limpeza, entre outras actuacións.

O concello de Poio prevé pechar o exercicio actual cun remanente de tesourería...