martes. 19.03.2024

As actividades vencelladas ao Agosto Gastronómico organizado polo Concello dan comezo co Concurso de Fotografía sobre a anguía, a caña do país e o Camiño de Santiago ao seu paso por Valga, que hoxe mesmo abre o prazo de presentación de imaxes.

Poden participar nesta iniciativa persoas maiores de 18 anos, podendo presentar un máximo de tres obras que deberán ser orixinais e inéditas e ter como tema principal a promoción dos dous produtos exaltados na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e tamén a Ruta Xacobea, en calquera das variantes que discorren por Valga: o Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa ou a Ruta marítimo-fluvial.

As obras deben publicarse en Facebook ou Instagram, etiquetando a @valga.gastronomica e empregando as palabras clave #valga_anguia, #valga­_caña ou #valga_camiño dependendo da temática da fotografía. O prazo de admisión de imaxes estará aberto ata o 1 de agosto.

Concederanse tres premios, un por cada categoría, que consistirán nun lote de produtos galegos valorados en 100 euros cada un.

O xurado estará composto por cinco membros, entre os que haberá fotógrafos, representantes do Concello e persoas vencelladas a Valga que atenderán a criterios coma a creatividade e a calidade técnica á hora de designar aos gañadores, que se darán a coñecer o día 28 de agosto, con motivo da XXXI edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

O concurso de fotografía en Valga sobre a Anguía, a Caña e o camiño abre o prazo para a...