O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, reuniuse esta mañá co grupo de Goberno para rematar as liñas básicas do orzamento municipal para o ano 2022 que ascenden a mais de 4.000.000 euros.
Como avanzou o rexedor, “neste orzamento tratamos de recoller as principais necesidades orzamentarias do noso Concello, dándolle prioridade a partidas sociais para facer fronte ás nefastas consecuencia causadas pola pandemia”.
Campos avanzou que nas contas “conservaranse as axudas aos distintos colectivos sociais e culturais do noso concello para que poidan manter as súas actividades con normalidade. Ao mesmo tempo manterase o esforzo en servizos fundamentais a nivel social como son o Cuntilín ou Atención Temperá e tamén as axudas á natalidade”.
A maiores contémplase unha partida específica de 30.000 euros un ano máis para axudas ao comercio, ao colectivo de taxistas e a aquelas actividades que se viron especialmente afectadas pola covid-19.
A partida de inversións superará os seiscentos mil euros dado que o concello terá que facer fronte a distintos proxectos de infraestruturas xa concedidos por outras administracións aos que terá que facer achegas de fondos propios.
Na vindeira semana o goberno trasladará estes presupostos aos distintos grupos municipais para o seu estudo para posteriormente tratalo en comisión e pleno no mes de Xaneiro.