viernes. 29.03.2024

A Concellería de Deportes pretende dotar nos vindeiros meses dunha decena de novas pistas a rede de campos de petanca e chave dos barrios e parroquias do noso municipio. As actuacións serán executadas grazas a un investimento de 121.866 euros, unha contía incluída dentro da última modificación de crédito aprobada polo Concello de Pontevedra, polo que o seu tenente de alcalde, Tino Fernández, prevé que os ‘petanqueiros’ poidan dispoñer destes terreos de xogo “xa neste ano 2021”.

En concreto, segundo avanza o edil socialista, crearanse dúas novas pistas de petanca en Monte Porreiro, nas inmediacións da igrexa; dúas en Ponte Sampaio, en Acevedo e A Ballota (zona próxima ao río Verdugo); unha no barrio de Pontevedra Leste; unha en Marcón; unha en Salcedo, e outra en Estribela, “estando tamén en carteira, en función das opcións de parcela, a previsión de facer outra máis en Mourente”. Tal e como sinala o concelleiro de Deportes, “a petanca é unha disciplina á alza, que ano tras ano vai aumentando o seu número de afeccionados e de xogadores no noso concello e que, a pesar de que os voceiros doutros partidos a queiran menosprezar, é un motivo de orgullo para os pontevedreses e un xeito de facer deporte ao aire libre para maiores e persoas de tódalas franxas de idade”. “Temos una Liga de Petanca cunha organización e unha afección que xa lles gustaría a moitas outras cidades e, en consecuencia, imos seguir contribuíndo ao seu crecemento con novas infraestruturas e co mantemento das xa existentes en perfectas condicións”, asegura Tino Fernández.

27b669cd e8c2 49cc 8238 34e51fd885da
O tenente de alcalde lembra que Pontevedra conta nestes momentos con 15 pistas preparadas para albergar xogos de petanca e chave en Monte Porreiro (2), Mourente (2), Santa María de Xeve (2), San Andrés de Xeve (1), Verducido (1), Salcedo (1), Bora (2), Centro Sur (2) e os xardíns da Deputación (2). Asemade, hai outras tres xa en execución no barrio do Burgo, tralo Pavillón Municipal dos Deportes. 

Espazos de socialización comunitaria e lugares de encontro

Tino Fernández subliña que o obxectivo do Concello é “desenvolver todo un sistema de campos de petanca nos barrios e parroquias do rural, que proporcione unha oferta acorde co nivel desta actividade deportiva no noso municipio”, ao tempo que se xeren “espazos de socialización comunitaria e lugares de encontro” e se incremente “o valor paisaxístico destas zonas”. 

Os labores preparatorios dos terreos levaranse a cabo mediante unha limpeza con máquina retroescavadora, a apertura de ‘caixas’ para a creación dos pavimentos e a eliminación de vexetación. O pavimento destes parques realizarase con terrizo de 10 centímetros de espesor, e con xabre granítico cribado sobre explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora. Asemade, incorporarase unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2.

Ao igual que se está a facer nas inmediacións do Pavillón, os novos proxectos contemplarán a xeración de sendas na contorna das pistas para mellorar a comunicación e a accesibilidade (con camiños de acceso adaptados). A dotación de céspedes dun mínimo de calidade dende o punto do vista estrutural, e consecuentemente de calidade visual, constitúen un elemento esencial: estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…).

O mobiliario dos espazos verdes cumprirá coas axeitadas especificacións dende o punto de vista da funcionalidade, confort para os usuarios e de integración paisaxística coa súa contorna. Prevese a incorporación de zonas de banco corrido con pes en aceiro galvanizado e de banco circular, todos eles realizados en obra, con asento de madeira.

Deportes dotará este ano dunha decena de novas pistas a rede de campos de petanca de...