A Feira Internacional de Galicia ABANCA converterase durante este Nadal nun parque de atraccións. Será coa organización de Silleda Park, o cal foi presentado este martes nas instalacións do recinto.
Durante o acto Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, detallou as datas e contido deste novo evento que durará once días, o cal cualificou de “moi especial” e destacou como o primeiro da entidade feiral “dirixido aos nenos”. Así mesmo, salientou que con este parque de atraccións “de 22.000 metros cadrados de superficie” se vai “a dar un servizo de ocio navideño propio dunha gran cidade”, ao cal se pretende que acudan non só rapaces do Deza e das comarcas limítrofes, senón de toda a área de Compostela e doutros municipios próximos.
Por outra banda, Lito Garrido, da orquestra Panorama, tamén presente no acto, destacou que “en poucos sitios de Galicia hai un parque tan grande” e falou dunha das actividades estrela deste Silleda Park, a actuación de Panorama Kids, un musical que están ofrecendo por toda España. Sobre el explicou que “está baseado nos nenos pero é para todos os públicos” e que optaron por facelo variado para que sexa “para toda a familia”. Así mesmo, indicou que non é unha actuación de orquestra, senón “un musical que ten unha historia que te traslada a distintos lugares”.
Ademais participou nesta presentación o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, quen se amosou “contento e satisfeito” porque o recinto e a súa dirección estean xerando actividade que tildou de “importantísima para a entidade e para o concello”.
Por outra banda, o rexedor explicou que o Concello leva a cabo no Nadal un “amplo programa de actividades e unha das máis importantes é a Cabalgata”, a cal quixeron traer ao recinto “en consideración deste esforzo que fai a Fundación para ter actividade todos estes días”, en referencia aos once que dura o Silleda Park. Ademais, quixo facer fincapé en que “a aquelas familias atendidas polos distintos programas de servizos sociais, o Concello suministraralles entradas gratuítas”, tanto para o parque como para a actuación de Panorama Kids.
Silleda Park
Este parque de atraccións será dos días 17 a 20 e 25 a 27 de decembro e do 2 a 5 de xaneiro, sendo o seu horario de 16.00h a 21.00h. Os asistentes terán unha ampla oferta de atraccións, cun saltamontes, unha pista de coches, un dragón, unha olla, un tiovivo, un barco, un tirachinas e diversos inchables, ás que se sumarán pistas de fútbol, baloncesto e karting e tamén trece máquinas recreativas.
Ademais, levaranse a cabo diversas actividades, como exhibicións deportivas e espectáculos de gran vistosidade. Así El Show de los Payasos ofrecerá o seu show o día 26 de decembro ás 18:30 horas e Panorama Kids fará o propio o día 17 de decembro á mesma hora, ofrecendo unha actuación con multitude de personaxes infantís e coreografías.
O prezo da entrada será, tanto para nenos como para adultos, de 5€ presentando invitación, a cal se repartirá en papel e tamén se poderá descargar da web www.feiragalicia.com/silledapark .
e non presentar invitación o prezo será de 7€, aínda que polas facilidades ofrecidas pola entidade feiral todo o mundo terá a posibilidade de pagar só 5€. Coa entrada os asistentes poderán acceder a todas as atraccións as veces que queiran e tamén desfrutar das actividades do parque, con só dúas excepcións.
Estas serán, no caso das atraccións, a pista de karting e as máquinas recreativas, que terán un prezo módico, e no caso das actividades, a actuación de Panorama Kids. Respecto a esta última, o día que ofrece o seu espectáculo a entrada só ao parque seguirá sendo de 5€ pero o acceso á actuación será de 12€, se ben esta tamén da dereito a subir ás atraccións. Por outra banda, o parque acollerá a Fin da Cabalgata de Reis de Silleda, a cal incluirá unha gran chocolatada gratuíta.
O acceso á mesma será libre, se ben para desfrutar das atraccións será necesaria o abono de 5€. A toda esta oferta do Silleda Park, a cal se poderá ver completa e cos seus horarios correspondentes na web da Feira Internacional de Galicia ABANCA, sumarase a comodidade de celebrarse en dous pavillóns con gran amplitude, a climatización e un servizo de restauración que permitirá aos asistentes comer ou merendar.