martes. 19.03.2024

Éxito de participación nos primeiros cursos formativos do programa descubre Poio

Menos de dúas semanas despois do seu inicio, o programa Descubre Poio conta xa a día de hoxe con máis de 20 profesionais do sector hostaleiro inscritos. Cómpre lembrar que esta iniciativa está impulsada pola Concellería de Turismo, co obxectivo de fomentar a diferenciación e profesionalización dun dos sectores económicos de referencia no noso municipio. A concelleira responsable deste departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), valora de xeito satisfactorio estas primeiras xornadas de traballo, durante as cales xa se desenvolveron varios cursos formativos, cunha elevada participación.

poio5

Os primeiros obradoiros comezaron a finais do pasado mes de novembro e desenvolvéronse no Eirado das Margaridas, na parroquia de San Xoán. Estes ciclos consistiron en técnicas de preparación e elaboración de cafés e de servizo de mesa. Neste último, fíxose especial fincapé en cuestións como a atención á clientela e a organización previa. Díaz explica que a principios de 2022 (concretamente en xaneiro) o Centro de Formación da Reiboa acollerá novos cursos de formación, que se centrarán nos idiomas e no uso das novas tecnoloxías. Ademais, neste mes de decembro (o día 13) o Casal de Ferreirós acollerá unha reunión entre as persoas inscritas e os e as responsables do programa, para intercambiar impresións e continuar “ampliando espazos de comunicación e diálogo para seguir impulsando a actividade hostaleira e turística de xeito regular durante todo o ano”.

A concelleira de Turismo agradece a predisposición amosada polos e polas profesionais á hora de sumarse a Descubre Poio. “Hai que poñer en valor o feito de que tanto responsables de negocios como persoas traballadoras se sumen á participación nestes cursos, amosa a disposición e a vontade construtiva de contribuír nun obxectivo común, que non é outro que potenciar os recursos de Poio e pular por un turismo sustentable”, sinala Silvia Díaz. Desde o departamento municipal lémbrase que a inscrición ao programa pode realizarse enviando un correo electrónico á dirección [email protected] ou chamando ao número de teléfono 625120475.

A edil do Goberno local incide en que Descubre Poio é moito máis ca unha iniciativa formativa. A promoción e a visibilización do sector e das riquezas e recursos do municipio é outro dos obxectivos que se persegue. É por iso polo que formar parte deste programa tamén permite aos establecementos pasar a formar parte do directorio da web de turismo, no que se poden consultar información sobre aloxamentos, restauración e hostalaría. De cara a 2022, implementarase o mapa virtual na páxina web de Turismo, na que as persoas usuarias poderán informarse sobre servizos e datos de interese. “Temos adquirido un compromiso para continuar buscando fórmulas que axuden a estender a actividade e potenciar a desestacionalización e esa é a liña na que traballamos”, garante Silvia Díaz.

Éxito de participación nos primeiros cursos formativos do programa descubre Poio