jueves 19/5/22

As festas de San xoán de Poio recuperan a súa programación habitual

Logo de dous anos condicionados pola pandemia provocada pola COVID-19, “estamos en disposición de recuperar a programación habitual das Festas de San Xoán”. Así o afirma o concelleiro responsable da área de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, que avanza que esta festa, unha das máis importantes e con maior tradición do municipio, volverá contar con algunhas das citas máis importantes da programación habitual.

festas-san-xoan-poio-2022

Logo de dous anos condicionados pola pandemia provocada pola COVID-19, “estamos en disposición de recuperar a programación habitual das Festas de San Xoán”. Así o afirma o concelleiro responsable da área de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, que avanza que esta festa, unha das máis importantes e con maior tradición do municipio, volverá contar con algunhas das citas máis importantes da programación habitual.

“Tanto en 2020 como en 2021 tivemos que adaptarnos á situación sanitaria e ás restricións. Pero agora, coa volta á normalidade, o programa de San Xoán volverá a ser un referente na bisbarra”, adianta Martínez Blanco, que confirma que entre os días 22 e 26 de xuño Poio volverá a acoller acontecementos tan importantes como o prendido da fogueira, na medianoite do 23 ao 24 (día do patrón), así como a tirada de fogos de artificio do día 25, as verbenas con grandes orquestras ou a lectura do pregón. O titular de Festexos sinala que a programación está practicamente pechada e que todos os detalles se darán a coñecer nas semanas previas a estas datas, tal e como xa é tradición. “Estamos traballando nunha proposta lúdica que, como xa era habitual antes da chegada da COVID-19, sirva non só para ofrecer unha programación de lecer de calidade para a nosa veciñanza, senón tamén para atraer a persoas e visitantes doutras localidades”, asevera Xosé Luís Martínez.

Por outra banda, o concelleiro do Goberno municipal tamén deu a coñecer os detalles da nova edición do Concurso de Carteis de San Xoán, unha iniciativa que cada ano conta cunha gran participación entre a rapazada do municipio. Cómpre lembrar que o certame está dirixido a nenos e nenas menores de 17 anos que estean empadroados en Poio ou escolarizados nalgún dos centros educativos do municipio. Repartiranse máis de 400 euros en premios, que consistirán en vales para canxear nas librarías de Poio, o que supón tamén un aliciente para dinamizar a actividade do comercio local. Como xa é habitual, habilitaranse catro categorías distintas, repartidas en función da idade (de 5 a 8 anos, de 9 a 11, de 12 a 13 e de 14 a 17). Os vencedores de cada grupo levaranse un cheque de 80, 100, 120 e 140 euros, respectivamente. A data límite para a presentación das obras será o vindeiro 19 de maio, segundo apunta Xosé Luís Martínez. Será a partir de entón cando o xurado se reúna para analizar todas as propostas e para decidir cal dos catro deseños gañadores é elixido para a promoción da festa.

As obras poderanse presentar tanto na Casa Consistorial como nos centros de ensino de Poio. As bases estarán a disposición da cidadanía na páxina web do Concello (www.concellopoio.gal).

As festas de San xoán de Poio recuperan a súa programación habitual
Comentarios