jueves. 18.04.2024

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández lores presentou esta mañá en rolda de prensa o premio ONU-Habitat de boas prácticas urbanas, recollido esta semana na cidade de Dubai. Tamén o diploma acreditativo da concesión do premio, así como o cheque de 30.000 dólares que foi entregado á Tesourería municipal para que o ingrese nas contas do Concello. “Como sabedes, a maioría destes cartos estarán destinados á financiar Redeaxuda”, explicou o alcalde.


Fernández Lores indicou que “estamos orgullosos de recibir este premio, dado que nesta edición somos a única administración premiada. Non porque non se presentasen outras. De feito foron seleccionados 450 proxectos, dos cales pasaron un primeiro filtro 50, e finalmente remataron 11 gañadores. E o de Pontevedra foi o único concedido polo modelo urbano centrado nas persoas”, expicou o alcalde.


“No acto recibimos moitos parabéns de asistentes e de premiados. Proxectouse un vídeo da cidade e conseguimos posicionala a nivel internacional”, aclarou Fernández Lores, quen confía en que “esta proxección dea resultados en distintos tipos de retornos de cara ao futuro”.


Este premio será celebrado coa cidadanía os vindeiros días 5 e 6 de marzo. O xoves 5 farase un acto institucional ao que se convidará ao Ministerio de Fomento, como institución que mediou na presentación do proxecto de Pontevedra, así como ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo quen tamén trasladou á cidade os seus parabéns.


Tamén estarán convidados todos os socios que apoiaron o proxecto de Pontevedra, como a Deputación, a Federación Castelao, Stop Accidentes, Cogami, entre outros. A eles faráselle entrega dunha réplica do diploma acreditativo da entrega do premio. O acto, ao que está convidada toda a cidadanía, está previsto para as 20.00 horas no Teatro Principal.


Na xornada do venres, 6 de marzo, farase unha celebración popular pola rúa con actividades de animación para nenos, música e espectáculos nas principais prazas da cidade.

Lores: “Con este premio conseguimos posicionar Pontevedra a nivel internacional”