miércoles. 17.08.2022

Luz verde ao expediente para a renovación do céspede do campo de fútbol da Reiboa en Poio

A actuación tamén inclúe a mellora do sistema de drenaxe e a substitución de porterías e canóns de auga, contando cun orzamento próximo aos 300.000 euros
marga-poio

A Comisión de Urbanismo acometeu na sesión deste martes a aprobación do expediente de tramitación do proxecto para a substitución do céspede do campo de fútbol da Reiboa, situado no lugar da Seca, na parroquia de San Xoán.

A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, lembra que esta actuación é moi necesaria, dado o estado de deterioro que presenta esta superficie e os problemas que padece o sistema de drenaxe, que fan que en época de chuvia se acumule moita
auga na superficie. Caldas Moreira lembra que son moitos os equipos tanto séniors como de base que fan uso das instalacións para competir e adestrar, polo que “era preciso dar resposta á demanda de mellora existente”.

Os traballos acometeranse ao longo do vindeiro ano, unha vez que o proxecto sexa licitado. Trátase dunha actuación que comenzou a tramitarse neste 2021 e que figura no Orzamento municipal aprobado xa inicialmente para o vindeiro exercicio. A contía destinada a estas tarefas ascenderá a uns 294.000 euros aproximadamente, IVE engadido. Na memoria técnica consta a dotación dunha nova superficie, de última xeración, que cumpre cos máximos requisitos de calidade establecidos pola FIFA.

Asemade, a firma que resulte adxudicataria no proceso de licitación tamén deberá asumir outras tarefas como a posta a punto do sistema de drenaxe, a reparación do asfalto (a fin de garantir unha óptima escorrentía de augas, eliminado así as acumulacións pola chuvia) e a dotación de novas porterías, canóns de rego e bandeirolas para os córners.

Esta non é a única actuación de mellora que a Concellería de Deportes ten previsto
desenvolver nesta zona. Neste sentido, Marga Caldas avanza que tamén existe unha previsión para proceder á reparación da contorna das pistas de atletismo, así como a adecentar os acesos. “Este tipo de melloras son unha prioridade na nosa aposta por
favorecer a práctica deportiva en condicións e máis aínda nestes tempos nos que os hábitos saudables son tan importantes, dado o contexto no que nos atopamos”, indica a edil do Goberno municipal, que incide na relevancia de “seguir creando e adecentando
espazos deportivos integrados en zonas verdes e ao aire libre”.

Luz verde ao expediente para a renovación do céspede do campo de fútbol da Reiboa en Poio
Comentarios