viernes. 19.04.2024

A campaña Poio recicla o Nadal xa está en marcha. Desde hai xa varios días, a empresa responsable da recollida e tratamento de residuos sólidos, Valoriza, repartiu entre máis de medio cento de establecementos e negocios do municipio uns 1.000 exemplares dunha publicación, totalmente gratuíta, que está a disposición de clientes e veciñanza, a través da cal se anima á poboación a realizar un tratamento axeitado dos restos e o lixo que se acumulan nestas datas, onde o consumo aumenta de xeito exponencial. 
A impulsora desta iniciativa é a Concellería de Obras e Servizos Municipais. A responsable da área, a tenente de alcalde Chelo Besada (PSdeG-PSOE), explica que estas publicacións constan de 60 páxinas, nas que, a través de textos explicativos e ilustracións, danse pautas sobre boas prácticas ambientais e se fai fincapé sobre a importancia de apostar polas tres ‘R’: reducir, reutilizar e reciclar. “É un formato moi ameno, que está pensado para que poida ser lido por toda a familia, incluída a cativada”, sinala a edil do Goberno municipal. Deste xeito, nestes pequenos libretos achéganse consellos sobre cuestións como apostar polo papel de refugallo á hora de envolver os agasallos de Nadal, reutilizar adornos doutros anos ou apostar por adquirir agasallos de calidade, dentro das posibilidades económicas de cada familia. Ademais, tamén se inclúen directrices sobre como xestionar as árbores de Nadal unha vez finalizadas as festas, así como o tratamento que se lle deben dar a obxectos como pilas, baterías ou dispositivos móbiles, entre outros. 
A Casa Consistorial conta no seu hall con varios exemplares, que están a disposición da cidadanía. Ademais, nas últimas semanas procedeuse ao reparto entre negocios de diferente tipoloxía, en colaboración co departamento de Promoción Económica, desde locais de alimentación ata centros de día, pasando por clínicas dentais ou perruquerías. En cada un destes negocios deixáronse unhas 20 unidades aproximadamente. Chelo Besada lembra que os veciños e veciñas de Poio “son un exemplo á hora de apostar por fórmulas respectuosas e beneficiosas para o medioambiente no que á xestión de residuos 
1

se refire” e incide na importancia de “facer un esforzo para continuar nesta liña” nestas datas, nas que as compras de agasallos por Nadal ou Reis aumentan, así como o consumo de produtos gastronómicos. 
Neste sentido, a concelleira de Servizos Municipais lembra que Poio conta cun Punto Limpo Móbil, operativo desde hai case dous anos, que cada semana se despraza a unha parroquia, así como a recollida a domicilio de voluminosos, que se pode solicitar chamando ao número de teléfono 986771185, de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00. 
Chelo Besada concluíu felicitando as festas ás veciñanzas e animándoa a que “continúe apostando como ata o de agora pola reciclaxe”. 

En marcha a campaña Poio recicla o Nadal