viernes. 19.04.2024

Valga recibiu esta mañá á xornalistas e produtora televisiva Karen Santamaría, da canle mexicana Telemundo, para iniciar a rodaxe dunha reportaxe sobre Mar de Santiago que se emitirá en América Latina e Estados Unidos. Foi recibida polo alcalde, José María Bello Maneiro, e polos concelleiros de Turismo e Cultura, Malena Isorna e Pedro Calvo, que a pasada semana estiveron en ela en Fitur ultimando os preparativos da gravación.


Bello Maneiro amosouse “encantado” de contribuír a promocionar e dar a coñecer Valga e Mar de Santiago como destino turístico. “Somos un concello rural pero de gran potencia a nivel cultural”, dixo o rexedor apelando a figuras coma a mundialmente recoñecida A Bella Otero ou Xesús Ferro Couselo, así coma ao conxunto do patrimonio valgués, que se recolle no Museo da Historia.


Este foi, precisamente, o primeiro espazo que visitou Karen Santamaría. O técnico responsable das instalacións, Santiago Chenlo, explicoulle as características do territorio de Valga, o seu patrimonio histórico, cultural e artístico e as traxectorias vitais e profesionais dos principais persoeiros do municipio, os xa citados Carolina Otero e Ferro Couselo. Outro dos puntos aos que se achegou a xornalista foi o Centro de Interpretación da Caña do País, onde se informou sobre a produción artesanal da augardente mediante a técnica do alambique. Ademais, non deixou pasar a oportunidade de probar a caña de Valga.


A gravación desenvolveuse tamén en espazos exteriores coma a fervenza de Parafita, un dos entornos naturais de maior beleza e que máis visitantes recibe de Valga e que agora, no inverno, pode contemplarse no seu máximo esplendor, coa auga baixando con forza polo cauce do río Valga. En definitiva, un verdadeiro espectáculo da natureza. E o último punto de rodaxe foi a capela de San Mamede de Martores, lugar no que, segundo autores coma o teólogo José Guerra Campos, estaría enterrado o herexe Prisciliano.


A reportaxe ten previsto emitirse no mes de xullo en México, Estados Unidos e a través da canle internacional de Televisión Española coma un episodio do programa “Territorio Santiago” que vai pola súa terceira temporada e que percorre lugares que comparten o topónimo “Santiago”. “Levo 28 anos traballando a toponimia de Santiago en América Latina. Só en México hai 322 lugares con ese topónimo”, explicou Karen Santamaría durante a súa estadía en Valga. A produtora de TV referiuse á ruta Mar de Santiago coma “un exemplo de unión en pro dun obxectivo común. Como xornalista especializada en turismo poucas veces o teño visto” e anunciou a súa intención de regresar no verán cun grupo de preto de corenta estudantes e mestres da Universidade de Texas, coa que colabora.


Karen Santamaría viaxou ao territorio de Mar de Santiago acompañada polo director de turismo do goberno municipal de Madera, cidade do estado mexicano de Chihuahua, para formalizar cos alcaldes dos concellos de Valga, Pontecesures, Vilanova e Catoira un acordo de intencións que prevé o desenvolvemento de accións conxuntas para a promoción de ambas zonas e para o intercambio cultural, turístico e gastronómico.

O Museo da Historia, as Fervenzas e a Capela dos Martores protagonizan a reportaxe...