sábado. 20.04.2024

O Belén Artesanal en Movemento, obra da asociación Amigos do Belén, vén de pechar a súa edición máis exitosa, consolidándose así como o principal recurso turístico de Valga xunto ao Camiño de Santiago. Nas súas seis semanas de apertura o nacemento de Campaña rebasou os 46.000 visitantes, unha cifra que supera en arredor de 4.000 as visitas da anterior edición. A combinación de esceas propias do Nadal, tradicións locais, mostras da cultura popular galega e a recreación de acontecementos de actualidade a nivel nacional e internacional fai do Belén de Valga unha montaxe única e outórgalle un carácter diferencial que é a clave do seu éxito. As aglomeracións e as longas ringleiras de xente, con agardas de máis de unha hora e media para poder ver o Belén, foron o habitual durante este período de apertura ao público, sobre todo nas fins de semana e nos días festivos.

 

A primeira semana, a da ponte da Constitución, foi unha das que rexistrou unha maior concentración de visitantes. Máis de 10.000 persoas acudiron durante esa semana a ver a montaxe, con xornadas de récord como a do 6 de decembro, cando se contabilizaron máis de 2.300 persoas que obrigaron a manter aberto o Belén ata pasadas as dez da noite, cando a hora de peche establecida son as 20:30. A enorme expectación xerada polo nacemento valgués continou durante a fin de semana do 15 e o 16 de decembro, con máis de 5.000 persoas neses dous días, parte delas chegadas en 21 excursións: sete autobuses o sábado e catorce no domingo, un número nunca antes acadado nun só día.

 

Aínda así, as xornadas de maior afluencia de xente rexistráronse en vésperas do Nadal, en concreto na fin de semana entre o venres 21 e o domingo 23 de decembro, cando se contabilizaron case 8.000 visitas. Cos rapaces xa de vacacións escolares e ás portas da Noiteboa, foron moitas as familias que non deixaron pasar a oportunidade de achegarse ao Belén Artesanal en Movemento. Durante estas seis semanas, o Belén recibiu ademais a centros educativos de toda Galicia, asociacións e entidades como Centros de Día que concertaron as súas visitas fóra do horario habitual de apertura. Hai que lembrar ata o mes de setembro o nacemento aínda pode ser visitado por grupos organizados, que deben chamar ao número de teléfono 630 95 25 15 para fixar cita. O domingo, día da clausura, realizouse o sorteo do concurso para localizar ao personaxe famoso que se agochaba entre as máis de 4.600 figuras do Belén Artesanal.

 

Tratábase do futbolista Cristiano Ronaldo e a gañadora foi Sara Baldomero Castromán, veciña de Aguiño (Riveira), que poderá elixir a figura que queira do nacemento entre as que non teñen movemento. Viaxe a León de Amigos do Belén Como é habitual, unha vez rematado o período de apertura ao público do Belén Artesanal, a asociación Amigos do Belén organiza unha excursión para visitar algúns dos nacementos de máis sona da Península. Nesta ocasión o destino será León. Vinte e cinco integrantes participarán na viaxe, que terá lugar esta fin de semana, entre o venres 18 e o domingo 20. Durante a estancia en terras castelás visitarán o Belén Mecánico de Villamuñío, o Belén Artístico de Villamañán e o Nacemento Artesano de Folgoso de la Ribera.

O belén artesanal de Valga superou as 46.000 visitas nas seis semanas de apertura ao...