sábado. 20.04.2024

Só no mes de abril chegaron ó centro 24 cachorros e 2 cadelas preñadas.O Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN), dependente da Deputación, está a rexistrar nestes días un notable incremento do abandono de cadelas preñadas ou recén paridas coas súas camadas, algo que pon en serio risco tanto a supervivencia dos cachorros como das propias nais.

Só no mes de abril chegaron ó centro 5 cadelas coas súas camadas, outras 2 preñadas e 24 cachorros que foran abandonados. Estas nais, xunto coas súas crías, están a ser atendidas polos veterinarios do centro, illadas dos demais animais adultos e de calquera outra fonte de patóxenos, co obxectivo de evitarlle enfermidades nun momento no que son especialmente sensibles. Todas elas están a recibir unha alimentación adaptada ás súas necesidades e procedeuse á súa desparasitación e vacinación para facilitar así a supervivencia.

Necesaria esterilización Os responsables do centro subliñan que estes abandonos son "demasiado frecuentes" nestas datas e veñen motivados porque os propietarios dos animais non desexan máis mascotas e optan por desfacerse delas da peor maneira posible.

Para poñer freo a esta situación, o servizo provincial de acollida de animais está a facer especial fincapé nas súas campañas de concienciación na necesidade de esterilizar ás femias xa que así se evitarían embarazos non desexados e os consecuentes abandonos dos animais no peor momento, cando acaban de ser nais ou están a punto de selo e precisan de toda a dedicación posible, ó igual que cando o que se abandonan son os cachorros que acaban de nacer.

Neste sentido, os veterinarios do centro inciden en que se habitualmente o abandono dos animais domésticos, que dependen das persoas para a súa supervivencia, xa supón importantes consecuencias sobre a saúde e o benestar dos mesmos, cando se trata de cachorros acentúanse as repercusións porque non son capaces de regular a súa temperatura corporal, de acceder ó alimento e, en definitiva, de valerse por si mesmos. Igualmente ocorre coas nais, que se ven desprotexidas xusto cando as súas necesidades alimentarias aumentan notablemente para poder alimentar ás crías.

Calquera persoa interesada en adoptar un destes cachorros poderá visitar o centro, consultar a páxina web (www.caan.depo.es) ou chamar por teléfono ó 608 975 326, onde será puntualmente informada.

O CAAN denuncia o elevado abandono de cadelas coas súas camadas durante estas semanas