lunes 23/5/22

O PP esixe o traslado urxente do arquivo municipal dos baixos do Froebel

O goberno de Lores non atende as peticións dos representantes da ANPA deste centro escolar que levan anos solicitando unha entrevista co concelleiro responsable para tratar este problema.

O Partido Popular de Pontevedra esixe ao goberno de Lores o traslado do arquivo municipal instalado nos baixos do CEIP Froebel. Demanda que fixo pública, este venres, a concelleira María José Rodríguez Teso, “porque non só supón un problema de espazo, senón por o risco que implica para toda a comunidade escolar a acumulación de papel altamente inflamable xunto á caldeira de calefacción no soto do centro”. A concelleira lembrou que “xa nunha ocasión produciuse unha vertedura de gasóleo”.

 

Por outra banda, a formación encabezada por Jacobo Moreira insta ao goberno local a dar resposta ás peticións realizadas polos representantes da ANPA deste colexio, que levan case dous anos solicitando unha entrevista co concelleiro responsable, para poder tratar este problema e obter ademais un informe técnico de seguridade destas instalacións. No ano 2004, o Grupo Municipal do Partido Popular xa levou este asunto a Pleno co fin de lograr o compromiso formal do alcalde e do seu equipo para retirar o arquivo municipal destas instalacións, pero o resultado foi negativo. “Lores mira para outro lado e o seu equipo segue o seu exemplo”, sinalou a concelleira.

 

Xa no 2010, o goberno local adquiriu o compromiso de realizar o traslado antes do mes de Setembro dese mesmo ano, pero catro anos despois, “ese compromiso e o arquivo, seguen onde estaban”, sinalou Rodríguez Teso. A mesma situación repetiuse hai tres anos, cando o actual concelleiro de educación reafirmou que este compromiso faríase efectivo, pero “máis do mesmo, nestes intres, o arquivo municipal segue nos baixos do CEIP Froebel e o Goberno de Lores calado”, apuntou a concelleira.

 

Ante esta situación, o Partido Popular pregúntalle ao goberno de Lores se pode garantir a seguridade dos 250 estudantes de este centro, do persoal docente, así como dos traballadores do arquivo que cada día conviven no centro con este problema. Pola contra, esta formación insta ao equipo de goberno a efectuar o traslado coa maior urxencia posible e a atender as peticións que lle remiten dende a ANPA do colexio.

O PP esixe o traslado urxente do arquivo municipal dos baixos do Froebel
Comentarios