viernes. 19.04.2024

Todo listo para a apertura do Salón de Eventos, Vodas e Grandes Celebracións “Si Quero”. A cita é no Recinto Feiral de Pontevedra durante a fin de semana do 24 e 25 deste mes de xaneiro.

 

A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, presentou hoxe un evento que chegará así á súa terceira edición. A feira, que abrirá en horario de 11 horas a 20.30 horas, contará coa participación de 55 expositores (cinco máis que o ano pasado). A entrada ten un prezo de 1,50 euros e os nenos pasan gratis. Os asistentes participarán no sorteo dun cruceiro polo Mediterráneo para dúas persoas.

 

Carlota Román subliñou que o programa feiral de Pontevedra conta con citas cada vez máis consolidadas a base de eventos que repiten e tamén novas incorporacións. A concelleira, que recalcou o cambio producido a raíz da creación da Oficina de Congresos, indicou que Pontevedra organiza xa en torno a 20 eventos feirais e congresuais ao longo do ano e comeza a converterse nunha referencia para as cidades españolas de tamaño medio. As expectativas para “Si Quero” pasan por atraer en torno aos 2.000 visitantes.

 

A responsable municipal explicou que a feira capta un público de calidade, pois a experiencia anterior demostra que serve para establecer contactos que logo dan froitos na contratación de servizos.

 

Por este motivo, moitos dos expositores das dúas primeiras edicións repiten. O salón ocupará unha superficie de 2.100 metros, algo máis que o ano pasado, e conta coa presenza dun 70% de expositores locais e o resto chegado doutras bisbarras ou mesmo de fóra da provincia. Nos 55 stands poderán atoparse negocios de catro sectores principais: restauración, fotografía, detalles de voda e vestidos.

 

Pero tamén haberá profesionais do mundo da xoiería, seguros, viaxes, flores, perruquería, automóbiles, música, repostería e organización de eventos. Finalmente, ofrecerá unha oferta lúdica complementaria co seguinte programa:

 

Sábado, 24: 17.00 horas, deseño “nail art” para novias; 17.30 horas, grupo musical de Jazz; 17.45 horas, desfile de vestidos de festa Alicia Barragán; 18.00 horas, desfile de vestidos de festa Ernesto Filgueira; 18.45 horas, violinista, Studio 21; 19.00 horas; desfile de traxes de festa e vodas Happy Novias.

 

Domingo 25: 13.00 horas, desfile comunións Happy Novias; 17.00 horas; deseño “nail art” noivas; 17.30 horas, grupo musical Jazz; 17.45 horas, desfile de vestidos de festa Alicia Barragán; 18.00 horas, desfile de vestidos de festa Ernesto Filgueira; 18.45 horas, violinista Studio 21; 19.00 horas, desfile traxes de festa e vodas Happy Novias; 19.30 horas, show de perruquería Ramiro Gill; 20.00 horas, sorteo do cruceiro polo Mediterráneo.

O salón de eventos, vodas e grandes celebracións “Si Quero” consolídase en Pontevedra