viernes. 29.03.2024

"Sen a axuda da Deputación estas actuacións nos concellos serían imposibles e na grande transformación que estamos facer na Illa de Arousa a institución provincial sempre estivo presente". Así se pronunciou hoxe o alcalde Carlos Iglesias no acto formal de sinatura do convenio do Plan ReacPon coa presidenta, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente, César Mosquera, que supón o arranque do proxecto co que a veciñanza recuperará como espazo público un enclave estratéxico tan relevante como a Praza do Regueiro. Cun importante investimento de 1,5 millóns de euros, cofinanciados por Deputación e Concello, o ReacPon suporá a reurbanización integral da praza para convertela nun espazo de calidade de uso plural, accesible, amable, que fomente as mobilidades alternativas, espazos inclusivos e sostibles, a autonomía infantil e o impulso da actividade económica de proximidade e o comercio local.

Carmela Silva lembrou que os recursos extraordinarios deste plan da Deputación permiten facer actuacións aos concellos que doutro xeito non poderían asumir. "Esta administración é a que está a garantir que os concellos da provincia poidan facer grandes transformacións urbanas baseadas na Axenda 2030 e converterse en pobos amables nos que as persoas ocupan o lugar primordial. Pobos que melloran a calidade de vida da veciñanza e son lugares atractivos que a xente quere visitar".

Na Illa, onde a Deputación é a administración que ten feito un maior investimento con 7,1 millóns desde o 2015, téñense sumado a este modelo con proxectos financiados  co Plan Concellos,  co Plan DepoRemse para a reforma da contorna do Centro de Saúde, e co Plan Reequilibrio, con 1,5 millóns para a rehabilitación das Casas Modernistas. Citou así mesmo no eido das infraestruturas que xa está a licitación a mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao, nas que a Deputación aporta o 70% do orzamento de 1,1 millóns desta obra. Por todo elo, a presidenta felicitou ao alcalde, Carlos Iglesias, pola "valentía" de apostar por actuacións como a da praza do Regueiro, "o espazo público máis importante da Illa e o punto de encontro da veciñanza que se remodelará integralmente con esta obra" baixo os principios da Rede Ágora, "coa que esta provincia é a grande referencia de Galicia nestes proxectos".

O alcalde, Carlos Iglesias, agradeceu a "importantísima" colaboración da Deputación tanto para este proxecto "fundamental" como para os que se levan realizado por parte do Concello nestes dous últimos mandatos, nunha liña na que se seguirá traballando "para o ben da provincia". Lembrou que na actualidade a praza do Regueiro, a máis conc0rrida da vila, atópase "nun estado degradado" e confía en que a recuperación desta contorna favoreza tamén actuacións en vivendas privadas e a reactivación da hostalaría local. Iglesias apuntou que o Concello abordará unha operación de crédito para asumir o resto do coste da obra e confía en que estea rematada ao longo deste ano, en que o Concello cumpre 25 anos "e poderémolo celebrar como se merece".

O vicepresidente César Mosquera asegurou que de maneira persoal sinte "un especial cariño" polo proxecto de mellora da Praza do Regueiro. Indicou que a súa esperanza é que "sexa a solución definitiva" para o espazo, "e que definitivamente o asente e o faga practicable" logo de diferentes intervencións nada acertadas. Segundo dixo "facer isto vai ser un antes e un despois na Arousa", xa que se trata dunha actuación "no bo camiño", un urbanismo coa calidade que corresponde ás posibilidades da Illa e que "está en consonancia co paraíso que é como contorna xeográfica". Salientou tamén a súa esperanza en que a actuación de recuperación deste espazo público teña un efecto "arrastre" ou "motor" para que as edificacións privadas que están en ruínas na contorna tamén se rehabiliten.

O proxecto

O proxecto contempla a reurbanización da praza para converter a zona nun eixo vertebrador  de toda a contorna. Restrinxirase o acceso de vehículos e acometerase a peonalización dos viais, establecendo áreas de prioridade residencial e reformulando os sentidos de circulación para peonalizar a praza. Tamén se eliminará unha zona de aparcadoiro, de 1.200 metros cadrados de superficie. Amais, crearase un parque con diversas zonas, unha infantil para a cativada, outra de aparatos de exercicio para maiores e unha pista polideportiva pensada para a mocidade, e haberá un espazo para uso cultural e para as festas do Carme. Suprimiranse as barreiras arquitectónicas e pavimentos públicos e mellorarase a mobilidade peonil e ciclable, con novas sinais verticais e horizontais, pasos peonís sobreelevados e redutores de velocidade. Potenciarase a eficiencia enerxética, a través de luminarias led, elementos de captación de enerxía solar para autoabastecemento, equipamentos para reducir fugas de caudal, tratamentos eficientes das augas residuais e pavimentos superficiais ecolóxicos.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficia a 47 concellos de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e aos obxectivos da Axenda 2030 e dos fondos europeos. O programa suporá a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.

O Plan Reacpon da Deputación facilita ao concello da Illa a recuperación para as...