viernes. 29.03.2024

Un ano máis, o departamento de Servizos Sociais pon en marcha unha nova edición da campaña ‘Ningunha crianza sen sorriso’, unha iniciativa solidaria que xa é un clásico en Poio nas semanas previas á chegada do Nadal, e que ten coma obxectivo a recadación de xoguetes de segunda man, para o seu posterior reparto entre as crianzas das familias do concello con menos recursos económicos. “Desde sempre esta proposta funcionou moi ben, grazas á axuda desinteresada de moita xente, e confiamos en que nesta ocasión a campaña volva a resultar un éxito, porque para nós o maior dos agasallos é conseguir que estes nenos e nenas poidan pasar esas datas tan especiais cun sorriso”, explica a concelleira de Benestar Social e Mocidade, a socialista Rosa Fernández.

As doazóns xa se poden realizar na Casa Rosada desde este mércores. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de decembro. Coma sempre, os únicos que se requiren á hora de facer entrega dos xoguetes e que estes se atopen nun bo estado e estean limpos. Recolleranse de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.00 a 21.00 horas polas tardes. Pódese obter máis información sobre os detalles da campaña chamando ao 986872401 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

Rosa Fernández lembra que en 2021 se repartiron xoguetes entre máis de 80 rapaces e rapaces de diferentes idades. “Facemos un chamamento á veciñanza para que, unha vez máis, se implique nesta iniciativa solidaria”, apunta a responsable de Servizos Sociais, que lembra que en edicións anteriores recibíronse doazóns non só de residentes en Poio,  senón tamén noutros concellos da contorna. Ademais, a edil de Benestar Social e Igualdade confirma que nesta ocasión o Concello volverá a contar coa colaboración altruísta de Silvia Ramírez, da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Samieira, que será a encargada de realizar o empaquetado dos agasallos. “Agradecemos moito a súa implicación e esforzo, realiza un labor imprescindible para que esta campaña sexa un éxito”, apunta Fernández González. Unha vez finalice a recollida e a preparación dos agasallos, o persoal de Servizos Sociais encargarase de realizar o seu reparto nas datas previas ao Nadal.

Preparativos para a homenaxe ás parellas que celebran as súas vodas de ouro

Por outra banda, Rosa Fernández informou de que a Concellería de Benestar Social recupera, despois de dous anos de ausencia por mor da pandemia da COVID-19, o seu tradicional acto de homenaxe a todas aquelas parellas e matrimonios do municipio que celebran os seus 50 anos xuntos. A cita retoma o seu formato habitual, logo de que en 2020 e 2021 se lles fixera entrega dun obsequio a domicilio, e terá lugar o vindeiro domingo 27 de novembro. A edil socialista explica que “xa temos localizados aos matrimonios que se casaron hai 50 en Poio, pero facemos un chamamento a parellas que leven moitos anos vivindo no noso municipio e que se casasen noutra localidade, por se queren formar parte do acto”. Para iso, deberán poñerse en contacto chamando ao 986872401 antes do venres 11 de novembro

Poio activa a campaña de recollida de xoguetes