miércoles. 17.08.2022

Poio adapta a programación de Nadal ás medidas sanitarias

O departamento municipal opta por suspender as Badaladas de San Martiño, para cumprir coa decisión adoptada polo comité clínico da Xunta de non permitir os cócteles de pé
buzon-reis-magos-nadal

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG),
anunciou as medidas adoptadas na programación de Nadal para dar cumprimento ás
directrices marcadas polas autoridades sanitarias na actualidade. A decisión principal
afecta ás Badaladas de San Martiño, previstas para o día 30 de decembro, e que deberán
suspenderse. A edil nacionalista lembra que as medidas impostas pola Xunta de Galicia a
día de hoxe non permiten a celebración de cócteles de pé, o que afecta directamente a
esta cita, na que se contemplaba a degustación de produtos típicos como chocolate
quente ou rosca, ademais das tradicionais uvas. “Adaptar as badaladas ás limitacións
actuais faría que a cita perdese toda a súa esencia, polo que optamos por non celebrala e
agardar ao vindeiro ano para retomala e que poida ser gozada por toda a veciñanza”,
indica a titular de Cultura. Ademais, aprázanse o espectáculo de maxia do 26 de
decembro no Xaime Illa de Raxó e o concerto que a Escola de Música tiña previsto
ofrecer o día 27 en Campelo.
Rodríguez Alonso confirmou que a intención inicial do Concello é manter o resto de
iniciativas da programación, se ben “estaremos en todo momento moi pendentes da
evolución da situación, así como das posibles medidas que se decreten a vindeira
semana, que é cando se reúne de novo o comité clínico da Xunta de Galicia”. A edil de
Cultura lembra que boa parte da programación de Nadal desenvolverase ao aire libre,
como é o caso, por exemplo, do ‘Nadal sobre rodas’, unha actividade que porá á
disposición das crianzas karts a pedais e quads eléctricos en Samieira, Combarro e
Campelo os días 28 de decembro e 3 e 4 de xaneiro. O mesmo sucede cos obradoiros de
‘Construíndo o Nadal’, do 27 ao 29 de decembro, no parque de Costa Xiráldez, nas
inmediacións do Xaime Illa e no parque Rosalía de Castro. En caso de choiva,
trasladaranse estas citas á carpa aberta habilitada na Seca.

Con respecto á chegada dos Reis Magos, o vindeiro 5 de xaneiro, a concelleira de Cultura
adianta que o recibimento “cumprirá con todas as medidas de seguridades e estará
totalmente adaptada ás esixencias que marquen as autoridades sanitarias”.

Por outra banda, a Concellería de Cultura informa de que xa están a disposición da
cidadanía os buzóns para depositar as cartas de Nadal para Papa Noel, os Reis Magos
ou o Apalpador, que visitará Poio o día 27, coa colaboración da Deputación de
Pontevedra. Estes elementos atópanse na entrada da Casa Consistorial, na Praza Alfredo
Romay (Samieira), en Costa Xiráldez (Lourido), na Praza da Chousa (Combarro) e no
porto de Raxó. Raquel Rodríguez lembra que o modelo de carta pode descargarse da
páxina web do Concello.

Poio adapta a programación de Nadal ás medidas sanitarias
Comentarios