miércoles 26/1/22

Xa se pode consultar na Sede Electrónica do Concello
de Poio o texto do regulamento polo que se aproban os criterios para a prestación de
servizos en réxime de teletraballo na Administración municipal. O documento, logo de ser
aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación na súa sesión ordinaria do pasado mes
de novembro, permanecerá exposto durante 30 días hábiles, período durante o cal as
persoas interesadas poderán consultalo e presentar as alegacións que estimen
oportunas. No caso de que non se rexistre ningunha reclamación, o texto quedará
aprobado de xeito definitivo e pasará a entrar en vigor aos 15 días da súa publicación
íntegra no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo).
O concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez (BNG), defende a necesidade impulsar este
documento, co fin de regular e consolidar unha fórmula de traballo a distancia “que nos
últimos tempos, e especialmente por mor da situación sanitaria derivada da pandemia da
COVID-19, chegou para quedarse”. En todo caso, o edil do Goberno local matiza que o
réxime de teletraballo non só busca regularizar e garantir as prestacións en cuestións
vencelladas á situación epidemiolóxica, senón que tamén recolle outros supostos e
circunstancias nas que o teletraballo sexa unha ferramenta necesaria, como pode ser a
realización de obras nas dependencias municipais. “Son novos tempos para as
administracións públicas, polo que é imprescindible adaptarse a este contexto”, recalcou.
O regulamento consta dun total de 14 artigos, nos que, ademais de definir o ámbito de
aplicación e obxectivos, tamén se explica a organización do teletraballo, as circunstancias
nas que se pode aplicar, os dereitos e deberes da Administración local e do persoal, os
requisitos técnicos e subxectivos ou os procedementos de autorización, entre outras
cuestións. “O traballo a distancia é un mecanismo eficaz que asegura o mantemento da
 

actividade laboral cotiá, garantindo, ao mesmo tempo, que sexa unha vía preventiva en
cuestións sanitarias”, sinala Xosé Luís Martínez á hora de referirse á prestación de
servizos no contexto actual. “Os avances tecnolóxicos permitíronos apostar por un modelo
telemático para desenvolver diferentes tarefas, o cal permitiu ao Concello continuar
prestando servizo aos veciños durante a pandemia”, aseverou. A duración da concesión
do teletraballo, a aprobación de prórrogas, o sistema de distribución da xornada ou as
circunstancias exepcionais nas que que o persoal poderá acollerse a esta metodoloxía
tamén figuran no documento. En todo caso, o titular de Persoal sostén que as prestacións
que deben realizarse de xeito presencial no Concello tamén estarán garantidas para a
cidadanía, “como vén sucedendo ata o de agora”.
Procesos selectivos
Por outra banda, Martínez Blanco informou das datas das probas selectivas
correspondentes aos procesos de contratación, mediante quenda libre, de persoal
municipal. Trátase dos exames correspondentes a catro postos en Servizos, tres para
limpeza de instalacións municipais e un para Xardinería. Serán o 26, 12 e 19 de xaneiro,
respectivamente, ás 16.30 horas no pavillón polideportivo do IES Poio. Están convocadas
todas as persoas que figuran na listaxe definitiva de admitidas. Máis de 200 aspirantes
tomarán parte neste proceso de contratación.

Poio regula o teletraballo
Comentarios