miércoles. 12.02.2025

A III edición da Feira de Emprego que organiza a Concellería de Promoción Económica de Pontevedra, PonteEmprego, pechou onte as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra despois de acadar a participación de case 800 persoas en dúas xornadas de intensa actividade.


A concelleira Carlota Román fai un balanzo moi satisfactorio dos resultados dunha iniciativa concibida e deseñada para mellorar a empregabilidade das persoas que, querendo traballar, teñen dificultades para acadar un posto de traballo. A calidade do programa de conferencias e dos obradoiros de formación, unanimemente recoñecida polos participantes, xunto coa boa organización das entrevistas de selección no marco da bolsa de traballo da feira, é un dos aspectos máis valorados pola responsable municipal.


Outro aspecto moi satisfactorio foi o papel xogado pola delegación da asociación de Seniors Españois para a Cooperación Técnica (Secot), que participaron cun stand informativo, dende o que ofreceron unha colaboración moi valiosa e apreciada polo público. Román deixa a porta aberta a futuras colaboracións con este colectivo, integrado por recoñecidos profesionais xubilados que poñen a súa experiencia ao servizo da sociedade.


PonteEmprego clausurou esta terceira edición despois de celebrar máis de 25 actividades entre conferencias, mesas redondas, charlas-coloquio e 11 obradoiros de mellora da empregabilidade impartidos por 15 docentes de alto nivel e comprobada traxectoria profesional.


De xeito paralelo, tiveron lugar as 85 entrevistas de selección que 17 das 55 empresas participantes comprometidas co emprego desenvolveron durante a feira co obxectivo de cubrir ás máis de 150 ofertas de traballo recibidas. O resto das empresas preferiron desenvolver as entrevistas nas súas propias instalacións. Un dos aspectos máis destacados pola concelleira Carlota Román é o acerto de manter a política de non recoller currículos en man aos aspirantes. O obxectivo é respectar ao máximo aos parados, sen dar por feito de que dispoñen de tempo para pasar horas facendo cola, e racionalizar a intermediación laboral realizada a través da feira. Así, mantívose a medida, xa adoptada na segunda edición, de canalizar as solicitudes de entrevistas e envíos curriculares a través dos enderezos electrónicos das propias empresas seleccionadoras.


Outro aspecto a destacar foi que PonteEmprego duplicou este ano a presenza de expositores que ofreceron aos visitantes ideas para encontrar traballo, así como formación individualizada para mellorar a súa cualificación profesional. Un total de vinte empresas e institucións estiveron presentes na feira.
Por último, foi precisamente no apartado dedicado a formación onde o evento levou a cabo a súa aposta máis forte. Co principal obxectivo de axudar os participantes a aumentar as súas competencias e cualificacións profesionais, ofertáronse un total de 1.090 prazas, distribuídas en 45 quendas. Este enorme esforzo loxístico deu como resultado un total de 858 persoas inscritas, o que supón case o 78% do total. Propostas como aprender a redactar un currículo de impacto, buscar emprego coas novas canles de comunicación, espremer LinkedIn ao máximo, potenciar as capacidades nunha entrevista de selección, practicar distintas probas nun proceso de selección ou o curso de visual thinking Ponte-tipando, 8 horas de pensamento creativo, foron algúns dos cursos máis demandados, que mesmo chegaron a colgar o cartel de completo aos poucos días de abrirse o prazo de inscrición. Finalmente, 643 persoas participaron en todos eles, o que quere dicir que máis de 200 persoas non asistiron a estes cursos a pesar de inscribirse previamente e ocupar a praza. Román anticipou que están xa a barallarse medidas de cara á cuarta edición para evitar que as ausencias das persoas que se inscriben impidan participar a outras persoas interesadas.


A páxina web proxectoiles.es recibiu 45.274 visitas desde a publicación do Boletín Especial da Feira de Emprego PonteEmprego (o pasado 11 de xuño) e o blog da feira, ponteemprego.wordpress.org rexistrou un total de 9.273 visitas desde a súa posta en marcha a mediados de maio.  

PonteEmprego pecha as súas portas coa participación de preto de 800 persoas