Unha vez finalizadas as festas de Nadal, o programa
Descubre Poio retoma neste mes de xaneiro a súa actividade. A concelleira de Turismo,
Silvia Díaz (Avante Poio), informa do reinicio das sesións formativas impulsadas a través
desta iniciativa, que están dirixidas a profesionais do sector da hostalería e restauración.
Así, haberá un ciclo sobre habilidades de comunicación para negocios, que terá lugar no
Casal de Ferreirós. Ademais, está prevista tamén a convocatoria dunha reunión para
abordar a creación do Mapa Turístico de Poio. Tal e como indica Díaz, a posta en marcha
desta proposta é un dos grandes obxectivos do programa, xa que “aspira a converterse
nunha ferramenta moi importante, a través da cal as persoas que visiten o noso municipio
poderán obter información sobre servizos e punto de interese”.
Outro dos obradoiros formativos impulsados desde Descubre Poio será sobre a utilización
das novas tecnoloxías no sector, que fará fincapé en cuestións como potenciar a imaxe de
marca e acadar unha maior visibilidade e diferenciación en Internet. Outro dos obradoiros
formativos impulsados desde Descubre Poio, será sobre a utilización das novas
tecnoloxías no sector, que fará fincapé en cuestións como potenciar a imaxe de marca e
acadar unha maior visibilidade e diferenciación en Internet. Asemade, o 31 de xaneiro
haberá unha reunión co obxectivo de que “todas e todos os profesionais que estean
interesados en participar acheguen as súas propostas e, deste xeito, sexamos quen de
consolidar unha rede de colaboración”, explica Silvia Díaz.
A concelleira de Turismo lembra que a mediados de decembro tivo lugar un encontro moi
similar, que resultou todo un éxito. Durante a cita abordáronse diferentes cuestións e
suxestións “que poden axudar a impulsar novos proxectos e actuacións que redunden
nunha maior consolidación da actividade do sector, especialmente máis alá do verán”. Así,
nesa reunión propuxéronse temas como a creación de máis espazos de lecer para as
crianzas, a organización de rutas turísticas especializadas ou a necesidade de potenciar a
Illa de Tambo como recurso turístico unha vez pase a estar xestionada directamente polo
Concello de Poio.
As persoas interesadas en anotarse nalgunha destas citas poderán facelo chamando ao
625120475 ou enviando un correo electrónico a [email protected]. Silvia Díaz
agradece, unha vez máis, o “interese e compromiso do sector local”, que fan posible a
posta en marcha de iniciativas como Descubre Poio. “As institucións públicas e as
entidades privadas debemos ir da man para continuar consolidando ao noso municipio
como un referente turístico”, conclúe a concelleira de Avante Poio.