martes 24/5/22

A oficina de turismo de Vilagarcía pasa a formar parte da rede de oficinas Info Rías Baixas, que xestiona a Deputación de Pontevedra, e que constitúen unha referencia de modernidade, dixitalización e calidade dentro do sistema turístico galego e mesmo español. Así o destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, durante o acto de sinatura do convenio co alcalde vilagarcián, Alberto Varela. A cidade arousá pasa así a formar parte dun “club” de oficinas que acumula premios e recoñecementos, entre eles as Q de Calidade, e a traballar conxuntamente cunha Administración que ve premiado o seu traballo ano tras ano, como sucedeu, por exemplo cos premios ao mellor vídeo de promoción turística do mundo nas campañas de 2020 e 2021.

Carmela Silva destacou que a excelencia forma parte da filosofía do proxecto turístico da Deputación, un proxecto que é recoñecido por entidades estatais encargadas de impulsar a axenda dixital no turismo, como Red.es. “O noso é un modelo de oficinas modernas, dixitalizadas e que prestan servizos avanzados” e engadiu que a incorporación de Vilagarcía “é fundamental, porque é a terceira cidade da provincia e dálle un valor engadido á rede”. A presidenta destacou que “todo son beneficios” e que a chegada da cidade arousá “coas súas ideas” a “Info Rías Baixas” “é un orgullo; dálle un valor engadido”.

“Marca paraugas” e “catalizador”

O alcalde de Vilagarcía destacou o valor deste acordo: “non hai nada máis turístico en Galicia que as Rías Baixas e iso é froito do traballo da Deputación”. Varela recalcou que tódolos concellos do destino Rías Baixas Pontevedra provincia son complementarios e cada un deles ten as súas virtudes, polo que o traballo conxunto é a vía para un turismo excelente. “A Deputación é a institución que nos preside a tódolos concellos para liderar proxectos que fagan de “marca paraugas” e catalicen os proxectos individuais”, engadiu. O alcalde concluíu que o obxectivo de Vilagarcía, con este paso, é apostar pola modernidade e a sostibilidade “así que é un pracer pasar a formar parte desta rede e compartir”.

A adhesión de Vilagarcía permitirá á súa oficina beneficiarse do acceso á utilización da Intranet de Turismo Rías Baixas, recibir apoio técnico, material de información actualizado así como titoría para obter distintivos de calidade. Ademais, accederá ás axudas convocadas pola Deputación para a cobertura do persoal de información e adquirirá unha imaxe e cultura corporativa nun momento no que a institución provincial está implementando o proxecto europeo “Tourist Inside” de dixitalización de tódalas oficinas.

A Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas foi creada en 2018 co obxectivo de impulsar a calidade na información que se presta aos turistas. Trala adhesión de Vilagarcía serán 27 oficinas municipais e outras tres propias da Deputación as que funcionan baixo esta marca. Turismo Rías Baixas dispón xa de dez oficinas que contan coa certificación Q de Calidade, que concede o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). Dispoñen deste distintivo a oficina central de Pontevedra e os puntos de información turística do Mosteiro da Armenteira e do Aeroporto de Vigo.  No caso da Rede Info Rías Baixas, acaban de acadar o certificado a Oficina de Turismo de Nigrán-Dunas de Gaifar, a Oficina de Turismo O Casal de Ferreirós de Poio e a Oficina de Turismo da Estrada, que se unen así aos outros establecementos que xa o tiñan acreditado: as oficinas de turismo de Caldas de Reis, Cangas-Casa da Bola, o punto de información da Illa de Arousa e a oficina de Baiona.

A rede de oficinas turísticas “Info Rías Baixas” refórzase coa incorporación de...
Comentarios